Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Piueiro volve á Guarda despois da súa travesía ao festival marítimo de Pasaia

O Piueiro volve á Guarda despois da súa travesía ao festival marítimo de Pasaia

É unha réplica do volanteiro máis antigo de Galicia

Unha avaría no motor a tres días de saír non impediu a súa viaxe

 

A Piueiro chega á Guarda onde o espera a veciñanza despois do festival de Pasaia
G24.gal 05/06/2022 21:09 Última actualización 05/06/2022 21:36

Chegou de volta á Guarda o Piueiro despois da marea solidaria de máis de 900 millas camiño do festival marítimo de Pasaia. Nel volven os once tripulantes que compartiron as dificultades dunha navegación a bordo desta réplica do volanteiro máis antigo de Galicia.

Fachendosa e libre ondea Rosalía na vela do Piueiro que vén de volta. Non trae pescada como traía o volanteiro hai máis dun século, pero trae as expectativas cumpridas de chegar navegando a Euscadi para participar no encontro de embarcacións tradicionais.

Atrás quedan as dificultades da travesía. O mar bravo de volta, a navegación de noite para cumprir os prazos e o fallo no motor á beira das Sisargas que puxo en risco a viaxe cando ían coa terceira singradura. Así o contaban daquela Tito Rodríguez, o patrón e Joaquín Cadilla da tripulación.

Estamos aquí por un pequeno incidente que nos pasou aquí onte na máquina e tivemos que interromper a viaxe que nos facía tanta ilusión e esperamos poder continuar.

Temos pasado temporais e desgrazas no mar e sabemos que isto pode pasar. Agora o que hai que facer é erguerse, buscar os fondos, intentar que sexa o proxecto máis comunal e seguramente coa axuda de todos podemos reparar e saír a tempo e reforzar a ilusión para facer dunha cousa mala unha boa e seguir a Pasaia.

E así foi, a tripulación lanzou un SOS desta época para recadar fondos cos que reparar o motor e seguir rumbo a Pasaia. A petición de axuda estendeuse polas redes sociais, deulle máis sona ao volanteiro e foi chegando con doazóns polo Bizum.
Agradecidos, xa de volta esta noite fondearon nas Cíes sabendo que a pouca distancia agardaban por eles os veciños da Guarda que o fixeron nacer hai case tres anos para manter viva a memoria da súa tradición mariñeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade