Publicador de contidos

Publicador de contidos

O piñeiro que esmagou un coche en Caldas tiña que estar cortado

O piñeiro que esmagou un coche en Caldas tiña que estar cortado

O Concello notificara aos donos a obriga de sacalo

Os veciños piden medidas urxentes para evitar novos sustos

G24.gal 13/02/2026 14:23

O espectacular accidente que puido custarlle a vida a unha rapaza de vinte anos puido evitarse. Os donos da parcela tiñan orde de talar o piñeiro.

"Estaba pegado á estrada, xa non debera estar aí. Pero ademais estaba dentro dunha das faixas de seguridade que marca a lei de montes e lumes, polo que o Concello xa enviara o requirimento para que limparan a parcela e sacaran esas árbores", explica o alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez.

Os veciños de Cesariños din que non é o primeiro susto que levan coas árbores. 

"Xa lle pasou a miña sobriña tamén, caeulle unha árbore enriba do coche xusto aí". "Esta zona pegada á estrada está asolagada. A terra fai lama e a raíz non aguanta a árbore". "Cando vai vento non se para. O que pasou o outro día pode pasarlle a calquera".

Piden que se tomen medidas urxentes antes de que, en vez dun milagre, se produza unha desgraza. No verán polos incendios e no inverno polo vento e a auga, capaces de tirar abaixo exemplares coma estes.

"A lei é clara e tamén é cousa de sentido común. Que fan aquí estas árbores? Estes eucaliptos mira onde están, pero o dono fixo caso omiso cando lle dixeron que os quitara".

Só en Caldas, o Concello fixo máis de 80.000 notificacións similares para a limpeza de parcelas. Pero os procesos legais poden dilatarse anos e polo medio chegan os sustos.

"Fago un chamamento á precaución e á responsabilidade dos propietarios. A lei está para cumprila pero non fai falta que pase isto para que a xente saiba que é perigoso ter árbores tan preto da estrada ou cando pode caer sobre o alboio do veciño", engade o alcalde.

Agardan que, polo menos, o susto que levou esta condutora sirva para concienciar da importancia de ordenar e limpar as plantacións forestais, especialmente as que poñen en perigo casas e persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade