Viva de milagre: o coche que conducía foi esmagado por un piñeiro de tres toneladas
A moza, veciña de Caldas, salvouse por milímetros do impacto
Non tiña feridas graves, pero permanece ingresada en estado de observación
Salvou a vida por cuestión de milímetros. Vendo as imaxes custa crelo. Pero a condutora do coche pode dicir que sobreviviu ao impacto dun piñeiro de 3.000 quilos.
"Ao ver que caía o piñeiro reaccionou e meteuse no oco entre o volante o asento, quedou o tronco a milímetros da súa cara", explica David Torres, voceiro de Protección Civil de Caldas.
"Era un oco moi pequeno, salvouse porque era moi miúda. Unha persoa grande non a conta, ou se levase acompañante, este quedaría no sitio no momento", engade José Santos Senín, veciño de Cesariños.
Foi a propia vítima, de tan só 20 anos, a que chamou o 112 desde o interior do coche. Pero os veciños da zona escoitaron os berros e rescatárona antes de que chegasen os equipos de emerxencias.
"Tentamos tranquilizala e despois chegou outro veciño e logramos abrir a porta do piloto e sacala", comenta o veciño.
Malia que estaba moi nerviosa, non parecía ferida de gravidade. Levárona en ambulancia ao Hospital de Pontevedra, onde permanece ingresada.
"Está ingresada en Montecelo en estado de observación desde que a levou o 061 na tarde de onte. Pero só tiña lesións leves, parece que non sufriu nada grave", di o voceiro de Protección Civil.
A estrada estivo pechada varias horas para que os operarios retiraran o coche e os restos do piñeiro. Un enorme exemplar que cedeu co vento da borrasca Nils e se desprendeu dun terreo completamente anegado pola chuvia. Por sorte, o que puido ser unha traxedia desta volta quedou nun milagre.