O patrón do Río Caxil: "Estamos abatidos por non poder atopar ningún corpo máis"
Afirmou que as condicións meteorolóxicas empeoraron e comezou a nevar e que non se vía nada
Roberto Sotelo, patrón do Río Caxil, que participou nos labores de busca, foi entrevistado no informativo Bos días. Destacou: "Estamos desilusionados, tristes e abatidos por non poder atopar ningún corpo máis". Comentou que sabía que iso era moi difícil e que aínda estaban preto da zona, a unhas 30 millas do lugar onde aconteceu o naufraxio.
Afirmou que as condicións meteorolóxicas empeoraron e comezou a nevar e que non se vía nada. Dixo que ás 20:000 horas o centro de rescate de Halifax cancelou o rescate, pero que tanto el coma outros barcos quedaron no lugar ata que foi noite pecha. A seguir, os barcos puxeron rumbo a San Xoán cos tres superviventes e os nove corpos dos falecidos.
Sotelo comentou que falara cos tripulantes do Playa Menduiña 2 e que sabía que os tres superviventes estaban en shock e aínda non asumiran o que estaba a acontecer. Sobre as teorías do que puido ocorrer, o patrón do Río Caxil dixo que no mar había ondas de cinco metros e 30 nós de vento e que "está claro que o barco afundiu por unha vía de auga".
Quixo remarcar que son conclusións lóxicas e que non falou dese tema co patrón do Villa de Pitanxo. Roberto Sotelo quixo despedirse cunha mensaxe de ánimo para todas as familias.