Publicador de contidos

Publicador de contidos

A diversidade da música galega, recoñecida na 10ª edición dos Premios Martín Códax

A diversidade da música galega, recoñecida na 10ª edición dos Premios Martín Códax

 

Luz Casal foi o Premio Honorífico 2023 

O pianista e compositor Sergio de Miguel, residente nos Estados Unidos, galardoado na categoría de Artista Emerxente

G24.gal 08/06/2023 12:09

Os Premios Martín Códax da Música como un elemento de cohesión entre artistas e como unha plataforma para poñer en primeiro plano todo o traballo dun sector creativo e transformador como é o da música.

Así o destacou no seu discurso a xunta directiva de Músicas ao Vivo na gala da décima edición dos galardóns, que se celebrou na noite do mércores 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A festa das músicas e músicos de Galicia recoñeceu co premio honorífico a Luz Casal e na categoría de Artista Emerxente ao pianista e compositor Sergio de Miguel.

Nas quince categorías artísticas dos Martín Códax subiron a recoller premio Arrhythmia, Su Garrido Pombo, Udra, Terrae, Quico Comesaña + Grupo, Ailá, Ton Risco e Marcos Teira, Banda de Música Cultural de Salceda, Moura, Sila Lua, Orquestra La Oca Band, Mario G. Cortizo, David Regueiro Trío Ft. Alexandre Cavaliere, Momboi e Pillaband.

Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de Salas, Galiciantunes na categoría de Proxectos de Comunicación, e a Foliada da Fonsagrada, na de Festivais. Unha gala dirixida e presentada polo dúo Vaguedades, que forman os actores Isabel Risco e Fran Rei, que, caracterizados como Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, articularon un espectáculo ao redor do viño que se puido seguir a través da web dos premios.

Os primeiros catro premios da noite foron entregados polo xornalista musical portugués Filipe Marta e recaíron en Arrhythmia, na categoría de Metal e heavy, Su Garrido Pombo, na de Canción de Autora, Udra, en Blues, Funk e Soul, e Terrae, no apartado de Electrónica.

O seguinte bloque de galardoados protagonizárono un dos músicos piares do folk galego como é Quico Comesaña + Grupo, na categoría de Folk, a formación Ailá xordida hai uns anos das foliadas do local compostelán Casa das Crechas, no apartado de Tradicional; Ton Risco e Marcos Teira en Músicas do Mundo e Mestizaxe co seu proxecto de vibráfono e guitarra, e a Banda Cultural de Salceda, na categoría de Bandas de Música Popular.

Os seguintes en pasar polo escenario a recoller o seu melómano (estatuíña dos Premios Martín Códax realizada polo escultor Victor Lorenzo) foron a banda coruñesa Moura co seu rock progresivo e psicodelia, na categoría de Rock e punk; a artista residente en Madrid, Sila Lua, na de Músicas Urbanas; a Orquestra La Oca Band, de Vilalonga (Sanxenxo) na de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, e o percusionista e artista sonoro Mario G. Cortizo, na de Música Clásica e Contemporánea.

Pouco despois subían a recoller galardón David Regueiro Trio Ft. Alexandre Cavaliere, en Jazz e Músicas Improvisadas, a banda de Noia Momboi, na categoría de Pop e indie, e Pillaband, no apartado de Música Infantil.

Na categoría de Artista Emerxente, cuxa votación estivo tamén aberta ao público -no resto das categorías son as socias e socios de Músicas ao Vivo as que votan os proxectos finalistas escollidos polo xurado profesional- ata o pasado domingo 4 de xuño, o galardoado foi Sergio de Miguel.

O pianista e compositor de Vigo, formado en Berklee e radicado en Estados Unidos aos seus 21 anos, está colleitando outros importantes recoñecementos este ano como o da publicación especializada en jazz Downbeat Magazine. 

Como compositor, fusiona as súas raíces galegas co jazz e as influencias latinas. O pasado ano tamén foi un dos gañadores do concurso Yamaha Young Performing Artists, que recoñece nos Estados Unidos aos mellores músicos novos de clásica, jazz e contemporánea.

A entrega dos Premios Organistrum a Salas, Festivais e Proxectos de Comunicación contou coa participación da representación institucional na gala con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Tamen participou neste bloque de premios a directora do festival de Tui IKFEM e profesora do Conservatorio Superior de Vigo, Andrea González, que entregou o melómano na categoría de salas á Sala Rebullón, de Mos. Na categoría de festivais a galardoada foi a Foliada da Fonsagrada, e na de proxectos de comunicación, Galiciantunes, plataforma e marca de promoción internacional da música galega, ideada como ferramenta conxunta das institucións, empresas e asociaciones profesionales do sector, promovida por Agadic-Xunta de Galicia.

 

PROXECTOS GALARDOADOS 10º PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

Metal e heavy: Arrhythmia

Canción de autor/a: Su Garrido Pombo

Blues, Funk e Soul: Udra

Electrónica: Terrae

Folk: Quico Comesaña + Grupo

Música Tradicional: Ailá

Músicas do Mundo e Mestizaxe: Ton Risco e Marcos Teira

Bandas de Música Popular: Banda de Música Cultural de Salceda

Rock e punk: Moura

Músicas urbanas: Sila Lua

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Orquestra La Oca Band

Música Clásica e Contemporánea: Mario G. Cortizo

Jazz e Músicas Improvisadas: David Regueiro Trio Ft. Alexandre Cavaliere

Pop e indie: Momboi

Música Infantil: Pillaband

Artista Emerxente:

Sergio de Miguel

Premios Organistrum:

Salas: Sala Rebullón

Proxectos de Comunicación e Difusión: Galiciantunes

Festivais: Foliada da Fonsagrada

Honorífico 2023: Luz Casal

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos