O Parrulo golea ao Málaga (4-0) e toma vantaxe na serie final polo ascenso
Festa con goleada final na Malata, nun partido que resolveron ao final os departamentais
A serie ao mellor de tres viaxa agora a Málaga, onde o Parrulo pode certificar o ascenso o venres
O Parrullo subíu o primeiro chanzo do treito final polo ascenso. O equipo ferrolán toma vantaxe na eliminatoria definitiva ante o Málaga. Nun Pavillón da Malata ateigado de afeccionados, o Parrulo fíxose co triunfo por catro a cero. Un marcador que non reflicte a igualdade e a emoción que presidíu o choque case ata o final. No primeiro tempo, con ocasións para os dous equipos, só houbo un gol. O que marcou Gonzalo Santa Cruz no minuto catro aproveitando unha falta na frontal da área.
Coa mínima vantaxe no marcador, o conxunto galego sufríu as acometidas dos malagueños na segunda metade. Yunii estivo a piques de empatar. A resposta foi un bó xogo colectivo, con accións de moito mérito que levaron perigo á portería visitante. Mantíñase a incerteza e co paso dos minutos o Málaga tomou máis riscos. Con porteiro xogador buscou unha igualada que non chegou e o Parrulo foi moi efectivo para aproveitar a portería baleira. Así, Turbi lograba o dous a cero e acababa co sufrimento dunha afección entregada ao seu equipo.
No último minuto, xa co triunfo asegurado, houbo dous goles máis. Rubén Orzáez, máis rápido que ninguén, facía o terceiro e Turbi repetía para poñer o catro a cero definitivo. O vindeiro venres, en Málaga, disputarase o segundo encontro no que o Parrulo podería lograr o ascenso. Se non, habería terceiro partido na Malata. Á espera da resolución definitiva, hoxe tocou celebrar en Ferrol. Con tortas de aniversario incluídas para Domingo e David Novoa como culminación da festa.