Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia creou 13.200 empregos no 2022 e España rexistra a menor taxa de paro en 15 anos

Galicia creou 13.200 empregos no 2022 e España rexistra a menor taxa de paro en 15 anos

O mercado laboral pechou 2022 con 20,46 millóns de ocupados, 278.900 máis que ao comezo do ano

O número de parados tamén subiu este trimestre en 43.800 persoas fronte ao anterior, ata superar de novo a barreira de tres millóns de parados

G24.gal 26/01/2023 08:54 Última actualización 26/01/2023 17:54

O paro baixou en 79.900 persoas en 2022, o cal supón un 2,6 % menos que en 2021, mentres o emprego creceu en 278.900 postos de traballo (+1,4 %), segundo datos da Enquisa de Poboación Activa publicada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística.

Ambos os datos son mellores que os de 2020, ano en que o estoupido da pandemia levou aos peores rexistros de paro e ocupación desde 2012, pero están moi afastados dos de 2021, cando se xeraron 840.700 empregos e o paro diminuíu en máis de 600.000 persoas.

Exceptuando 2020, o ano da COVID-19, o incremento da ocupación rexistrado en 2022 é o peor dato desde 2013, ano en que se destruíron 204.200 empregos. A taxa de paro situouse ao finalizar 2022 no 12,87 %, porcentaxe catro décimas inferior á de 2021, mentres o número total de desempregados pechou o exercicio por encima dos tres millóns despois de baixar desa cifra no terceiro trimestre de 2022.

O ano finalizou con 3.024.000 desempregados, e o número de ocupados situouse en 20.463.900, a cifra máis alta nun peche de ano desde 2007. A estas cifras chegouse despois de que no cuarto trimestre de 2022 o paro experimentase unha subida de 43.800 persoas e a ocupación diminuíse en 81.900 persoas.

O paro baixa en Galicia en 3.700 persoas en 2022

O paro baixou en 3.700 persoas en Galicia en 2022, o cal supón unha caída do 2,73 % respecto a 2021, mentres que o emprego creceu en 13.200 postos de traballo segundo datos da Enquisa de Poboación Activa.

Desta maneira, o paro baixou unha décima máis en Galicia que na media do total de España, onde esta cifra diminuíu un 2,6 %, ata 79.900 desocupados menos, coa creación de 278.900 empregos, un 1,4% máis. O total de ocupados galegos ascendeu a 1,1 millóns de persoas, 9.200 menos que no trimestre anterior, caendo un 0,83 % respecto á enquisa de setembro.

Pola súa banda, o número de parados galegos a finais de ano quedou nas 131.400 persoas, 3.500 menos que en setembro, baixando un 2,58 %.

Os datos da EPA tamén nos deixan o balance do primeiro ano íntegro coa reforma laboral. A taxa de empregados con contrato temporal cae case sete puntos, a un 18%, mínimo histórico. 

O que aumentaron, un 2%, son os fogares con todos os membros no paro. Volven ser máis dun millón en toda España e subiu tamén o paro xuvenil, en 16.000 persoas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade