O paro baixa en 74.000 persoas e bátese o récord de 20,6 millóns de cotizantes
En Galicia o emprego medrou con 6.784 afiliados máis e o paro baixou en 2.504 persoas
A Seguridade Social sumou en abril 238.436 afiliados
A Seguridade Social sumou en abril 238.436 afiliados, cifra récord para un abril e o segundo mellor rexistro de toda a serie, mentres que o paro baixou en 73.890 persoas ata os 2,78 millóns, uns niveis que non se vían desde 2008 nun mercado animado pola Semana Santa e o arranque da campaña de verán.
Segundo os datos facilitados este xoves polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, con este avance do emprego en abril o número de afiliados sitúase nun novo máximo de 20,6 millóns.
Os afiliados subiron en todos os sectores
os afiliados subiron en todos os sectores cos servizos á cabeza, con 208.302 máis. Por actividades, tirou especialmente a hostalería, con 119.618 afiliados máis, seguido do comercio, con 18.713 novos empregos. Tamén creceron os autónomos cunha alza mensual de 12.958 persoas. A Seguridade Social destaca que, en cifras axustadas, o número de afiliados aumentou en 128.824 persoas en abril pechando un cuadrimestre no que se sumaron 420.301 ocupados, "o que supón o mellor inicio de ano da serie histórica".
Por comunidades, o paro rexistrado baixou en todas cos descensos máis acentuados en Andalucía (20.551), Cataluña (9.506) e Castela-A Mancha (6.645).
En Galicia creceu o emprego
ASeguridade Social sumou en abril 6.784 afiliados en Galicia, mentres que o paro baixou en 2.504 persoas, ata as 139.343.
O número de afiliados en abril eleva a cifra media en Galicia anual a 1.050.315, un 1,58 % máis que hai un ano e un 0,65 % máis que o pasado mes de marzo, un crecemento menor que a media do conxunto de España, que se chega ao 2,98 % anual e ao 1,17 % mensual para deixar o número medio de afiliados nun novo máximo de 20,6 millóns.
O número de persoas rexistradas no Servizo Público de Emprego en Galicia tamén descende a menor ritmo que no conxunto do país, un 1,77 % respecto ao mes pasado, por un 2,58 % de media; e un 7,48 % nos últimos doce meses en Galicia, cifras similares ás do resto do país, onde o desemprego cae un 7,75 % no seu conxunto.
Por provincias, o paro descendeu máis en abril en Galicia en Pontevedra en termos porcentuais, un 2,62 %, que do mesmo xeito que Lugo (-2,34 %) caeu por encima da media. No último ano o desemprego caeu máis en Lugo -9,07 % e en Ourense, -9,14 %; mentres que na Coruña apenas superou o 5,5 %.

A Xunta aplaude o descenso do paro
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, celebrou que os 139.343 desempregados supoñen a cifra "máis baixa de toda a serie histórica", desde o ano 1996. Así, a través dun comunicado, Lorenzana sinalou que é a "terceira vez" desde ese mesmo ano que o número de parados baixa das 140.000 persoas, algo que só ocorreu nos meses de xullo de 2007 e 2022.
A conselleira destacou os descensos do desemprego con respecto a marzo nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos e nos colectivos que a Xunta considera "prioritarios", como os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración.
Finalmente, María Jesús Lorenzana afirmou que Galicia continúa "na senda da recuperación", á vez que apuntou á importancia de "continuar traballando para crear máis emprego de calidade para que os empregos novos sexan non só en cantidade, senón en calidade".
"Aceleración na creación de emprego"
O Goberno di que os datos do paro demostran o comportamento extraordinario do mercado laboral de España no mes de abril. A vicepresidenta Nadia Calviño cre que confirman a aceleración na creación de emprego.
O PP ve un "falta de respeto" que o Goberno fachendee
O Partido Popular di que as cifras do paro en España seguen sendo as máis elevadas da Unión Europea. Alberto Núñez Feijóo advirte tamén da elevada perda de poder adquisitivo das familias.
Escrivá celebra os datos históricos do emprego do mes de abril
O ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luis Escrivá, tamén celebra o "rexistro absolutamente histórico" de emprego en abril, no que se sumaron 238.436 afiliados de media e marcouse un novo récord en 20,66 millóns de afiliados á Seguridade Social.
Incidiu o ministro en que onde máis está a subir o emprego, con taxas por encima do 20 %, é en actividades científico-técnicas, en innovación e en alta tecnoloxía. "Seguimos creando emprego de calidade", afirmou Escrivá.
A CEOE, preocupada
A Confederación Española de Organizacións Empresariais expresou a súa preocupación polo mantenmento de altas cifras de paro en sectores cunha "crecente demanda de persoal", como los servizos ou la construcción,o que suxire, di a CEOE, "que non están funcionando as pasarelas entre o desemprego e a actividade".