O Parlamento Europeo paraliza o acordo UE-Mercosur e envíao á xustiza europea
O TXUE deberá ditaminar se o acordo é compatible cos tratados da UE
A Comisión Europea lamenta a decisión da Eurocámara e cre que "non está xustificada"
Satisfacción no sector, que desconvoca ademais a tractorada no centro de Lugo
Tractorada en Ourense (EFE/Brais Lorenzo)
O Parlamento Europeo remitiu este mércores o acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que a corte comunitaria revise se é compatible cos tratados da UE, o cal de maneira efectiva paraliza a súa tramitación ata que os xuíces diten a súa opinión.
Por 334 votos a favor, 324 en contra e once abstencións, o Parlamento Europeo deu luz verde a unha moción que cuestiona se o acordo co Mercosur, recentemente asinado esta fin de semana tras máis dun cuarto de século de negociacións, respecta os tratados da Unión Europea.
Sobre a mesa está a validez legal do mecanismo de reequilibrio que inclúe o pacto, que varios deputados temen que poida afectar á autonomía regulatoria da UE, e tamén a base legal elixida para a súa aprobación, que permite que os capítulos do acordo centrados en comercio poidan ratificarse sen o consentimento dos parlamentos nacionais.
Segundo o TXUE, este tipo de opinións tardan de media entre 18 e 24 meses en ser pronunciadas, aínda que a corte "ten o control total" sobre os procedementos e "pode, cando as circunstancias o requiran, dar prioridade a unha solicitude de opinión na práctica".
Diferentes voces dentro do Parlamento Europeo avisaran na véspera de que se trataría dun voto moi axustado e advertiran en contra de atrasar a ratificación do acordo co envío do seu texto ao TXUE, especialmente ante as ameazas arancelarias de Donald Trump polo envío de tropas a Groenlandia por parte de oito países europeos.
A Comisión Europea lamenta a decisión da Eurocámara
A Comisión Europea lamentou este mércores o acordo do Europarlamento por considerar que as cuestións que expoñen os eurodeputados xa recibiron resposta.
"Segundo a nosa análise, as cuestións expostas polo Parlamento Europeo nesta moción non están xustificadas porque a Comisión Europea xa as abordou de maneira moi profunda co Parlamento", dixo o portavoz do Executivo comunitario Olof Gill preguntado pola decisión.
Engadiu que, ademais, non se trata de novas cuestións, debido a que estas xa foron abordadas en tratados comerciais no pasado, en particular no acordo con Chile.
Satisfacción de gandeiros e agricultores
O agro galego celebra a paralización do acordo. En Lugo, gandeiros e agricultores desconvocaron a partir das dez e media da noite a tractorada, pero advirten que seguirán coas protestas en defensa do rural.
"Estamos contentos", dicía Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, "pero hai que seguir loitando, e a ver se ao final impera o sentido común e non se asina o tratado".
Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Agraria de Galicia expresaron a súa satisfacción pola decisión e advertiron das consecuencias que, ao seu xuízo, podería ter a aplicación deste tratado para o sector primario galego.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, considera imprescindible someter o acordo a control xurídico polo seu amplo alcance e polas consecuencias directas que podería ter en sectores clave da economía galega, como a agricultura e a gandería.
García subliña que esta fase de espera non responde a unha vontade de bloquear o pacto, senón á necesidade de garantir a súa aprobación con seguridade xurídica.
Engade que o que se paraliza é a ratificación definitiva, pero non a súa posible aplicación provisional, que dependerá da decisión do Consello da Unión Europea. Por este motivo, alerta do risco de inseguridade xurídica e pide que se adopten medidas para evitar a implantación provisional mentres non exista unha base xurídica clara.
O Sindicato Labrego Galego reiterou que o acordo con Mercosur non garante, ao seu entender, o futuro das explotacións galegas e avanzou que continuará opoñéndose á súa tramitación. A organización advertiu de que, se non hai avances, retomará as mobilizacións a partir do 29 de xaneiro.
Pola súa banda, a Asociación Agraria de Galicia valorou que a cuestión se eleve ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea e confía en que este paso permita frear a ratificación dun acordo que considera desequilibrado e inxusto, polas dúbidas xurídicas e políticas que presenta.
As organizacións agrarias coinciden tamén en destacar o papel das mobilizacións das últimas semanas, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, que consideran decisivas para atrasar a ratificación do tratado.