O Exército completa o reto de montar o seu primeiro campamento provisional en Vigo
A cidade vai aloxar dous mil militares para participaren nos actos do día das Forzas Armadas
Os servizos de loxística xa instalaron toneladas de material no complexo deportivo das Travesas
Durante seis semanas, centos de equipos e usuarios serán desprazados e cambiados de horarios
Un exército disputa o seu propio torneo no complexo deportivo das Travesas. Vigo vai acoller a finais de mes os actos do día das Forzas Armadas e o departamento de Loxística debe instalar na cidade dous campamentos provisionais para acoller dous mil militares. O primeiro xa está practicamente rematado no recinto das Travesas.
Hoxe, liteiras e gardarroupas ocupan a pista central no canto de canastras e porterías. Alí van durmir 340 soldados. Setecentos máis vanse repartir por outros pavillóns e no exterior hai ademais cociñas, comedores, duchas, vestiarios... Son toneladas de material que o Exército despraza con frecuencia por todo o mundo, tanto para facer manobras como para operacións reais.
Algunhas das liteiras, por exemplo, pasaron antes por Valencia para acoller os militares que axudaron trala traxedia da dina e logo utilizáronse na campaña dos incendios do último verán. En Vigo o reto foi trasladar todo iso ao centro dunha cidade, por accesos estreitos.
"Hai problemas para o acceso dos vehículos pesados, os colectores... Para manobrar é moi complicado, para traer todo este material aquí", explica o tenente coronel Gonzalo Armada, xefe da Unidade de Apoio Loxístico ao Día das Forzas Armadas.
Só dar de comer os militares supón un esforzo enorme. O Exército instalou nas Travesas dúas cociñas, cada unha con capacidade para alimentar entre seiscentas e setecentas persoas. Ao seu carón hai frigoríficos e outro pavillón foi habilitado como comedor.
"Son equipos de dez persoas, entre cociñeiros e axudantes, que se levantan ás tres ou catro da mañá e déitanse ás once da noite", asegura José María Agudo, encargado da Agrupación de Apoio Loxístico número 61, que ten base en Valladolid.
O complexo das Travesas será así unha base completa para mil militares durante seis días. A cambio, iso si, as instalacións deportivas van estar pechadas seis semanas, para permitir que se puidese montar todo o necesario.
"Hai que comprender que montar os campamentos supón unha infraestrutura loxística importante e necesitamos tempo e espazo", argumenta o xefe da Oficina de Comunicación do Mando de Apoio ás Manobras, o tenente coronel vigués Enrique Ángel Costas.
E por iso os equipos e os deportistas que habitualmente utilizan as Travesas foron desprazados a outros lugares e tamén, nalgúns casos, tiveron que cambiar de horarios.