O Parlamento británico acolle a presentación real do plan lexislativo con Starmer cuestionado
Os malos resultados dos laboristas nas eleccións locais e rexionais da semana pasada colocan o primeiro ministro nunha delicada situación, con peticións de dimisión desde as filas do seu partido
(Pool vía Reuters/Chris Jackson)
O rei británico Carlos III expuxo este mércores ante o Parlamento as prioridades lexislativas do Goberno de Keir Starmer para o próximo exercicio parlamentario, en plena crise sobre o futuro do líder laborista, presionado para dimitir tras os malos resultados nas eleccións locais e rexionais do xoves pasado.
Nunha tradicional cerimonia chea de pompa, o rei leu un discurso preparado polo Executivo, no que detallou os proxectos de lei que se tramitarán este ano, entre eles para combater o antisemitismo e estreitar a relación comercial coa Unión Europea.
Despois da intervención do monarca a Cámara dos Comúns iniciará o debate sobre o Discurso do Rei. O Partido Nacional Escocés (SNP) xa anunciou que, mediante unha emenda ao texto, presentará unha moción de censura contra Keir Starmer para forzar unha votación sobre o seu liderado.
No paquete duns 35 proxectos de lei figura a posible nacionalización da siderúrxica British Steel, a creación dun fondo soberano de investimento en infraestruturas e a introdución dun carné de identidade dixital, así como medidas para acelerar a expansión da enerxía nuclear.
Prevese así mesmo un novo marco para permitir ao Reino Unido aliñar certas normas co mercado único europeo en áreas como os estándares alimentarios, dentro da iniciativa do Goberno laborista de achegar o país á UE tras o brexit.
A cerimonia do Discurso do Rei comezou, como marca o protocolo, co rexistro simbólico dos sotos de Westminster polos Yeoman of the Guard, o corpo de garda do monarca, en recordo da Conspiración da Pólvora de 1605, cando un grupo de católicos intentou facer estalar o Parlamento para asasinar o rei Xacobe I.
Carlos III chegou desde o palacio de Buckingham en procesión oficial escoltada por unidades militases e cabalería, vestido coa Túnica de Estado, para posteriormente colocarse a Coroa Imperial antes da súa alocución na Cámara dos Lores (non electa).
O alto funcionario parlamentario coñecido como Black Rod foi enviado á Cámara dos Comúns (electa) para convocar os deputados, atopando a porta pechada como é tradición en sinal da independencia do Parlamento fronte á Coroa.
Finalmente, os deputados acudiron aos Lores para escoitar o discurso, antes de iniciar o debate parlamentario sobre o programa lexislativo do Goberno.
O evento produciuse este ano no medio dunha crise política no Reino Unido, despois de que varios membros do Executivo -aínda que non ministros- dimitiran o martes e arredor de 80 deputados laboristas pedisen a saída de Starmer, aínda que non puideron activar un desafío formal ao liderado pola falta dun candidato de consenso para substituílo.
Posteriormente, arredor dun centenar de parlamentarios expresou o seu apoio ao primeiro ministro nun intento de estabilizar a situación interna.
Ademais, este mércores once sindicatos vinculados ao laborismo pediron a Starmer que se estableza un calendario para a procura dun sucesor.
Aínda que na xornada de hoxe non se prevén movementos significativos, espérase que nos próximos días se definan as posicións dentro do Partido Laborista para aclarar o futuro do primeiro ministro.