O Obradoiro volve atoparse coa vitoria a base de triplas
O Obradoiro volve atoparse coa vitoria a base de triplas
Asinou un espectacular 66 % no lanzamento de tres (14/21)
O Granada, sempre por debaixo no marcador, meteu presión nos últimos minutos
O Obradoiro volveu a recuperar o camiño da vitoria cun triunfo sobre o Granada (88-83) nun partido no que asinaron un espectacular 66 % no lanzamento de tres puntos.
O acerto principiou no primeiro cuarto. Da man de Westermann e Vicedo o Obradoiro colleu pronto o mando das operacións (11-6) e rematou os dez minutos en vantaxe (19-15). Un roubo con canastra de Zurbriggen abriu a marxe ata os dez puntos (28-18), pero Granada xogaba moito e reaccionou (30-26). Nese intre os santiagueses lograron un parcial de 8-0 que lles permitiu ir ao descanso cunha boa vantaxe (43-32).
A distancia chegou a ser de quince no terceiro cuarto (55-40), pero o partido non estaba gañado. Os visitantes metéronse no mesmo cun parcial de 2-10 e entraron no último cuarto con opcións.
Sempre se mantivo por diante o Obradoiro pero a cousa apertouse moito (72-66) e chegou un momento crítico a minuto e medio do final (83-80). Apareceu Roberston (12 puntos no último cuarto) para meter unha tripla decisiva a un minuto do final e deixar a vitoria en Santiago.