Hidalgo non asina o empate ante un Barcelona "dos mellores equipos do mundo"
O técnico do Deportivo apela á ilusión e á personalidade para competir este domingo en Riazor contra o conxunto de Flick
Zaka Eddahchouri regresa á convocatoria, mentres Bright Ede continúa de baixa
O Deportivo afronta este domingo unha das grandes citas da tempada coa visita do Barcelona a Riazor. Antonio Hidalgo non renuncia a nada, nin sequera ante un rival que considera "un dos mellores equipos do mundo".
O adestrador branquiazul descartou conformarse co empate e reivindicou a ambición do seu equipo.
"Sempre saes coa convicción de competir os partidos. En Primeira todo está igualado".
Hidalgo considera que o Deportivo se gañou o dereito a medirse cos grandes grazas á pasada tempada e quere que o equipo goce dunha cita especial diante da súa afección.
"Esa ilusión non nola vai quitar ninguén", asegurou o técnico, que agarda un Riazor cheo e "consciente de que será necesario un partido moi completo para ter opcións".
O preparador deportivista advertiu do enorme potencial do Barcelona, especialmente pola súa agresividade sen balón e pola capacidade competitiva que lle imprimiu Hansi Flick. Os cataláns presentan unha media de catro goles por encontro, un dato que dá conta da súa dimensión ofensiva.
"Temos que ter un día moi acertado en todos os sentidos, con moitísima concentración", sinalou Hidalgo.
No capítulo de novidades, Zakaria Eddahchouri regresa á convocatoria despois de superar un longo período de ausencia. Bright Ede, pola contra, continúa de baixa, xa que a súa recuperación está a evolucionar máis lentamente do previsto. Será a única ausencia do cadro deportivista.
O encontro terá tamén un significado especial para Hidalgo, formado na canteira do Barcelona, aínda que agora o seu obxectivo pasa por competir contra un dos grandes do fútbol mundial.
"Temos que ter esa dose de sufrimento", admitiu.
A ilusión, a personalidade e a forza de Riazor serán as principais bazas dun Deportivo que non quere poñer límites aos seus soños.