O Obradoiro gaña con claridade o derbi co Ourense Baloncesto (94-57)
O partido comezou cun parcial de 10-0 para os santiagueses
As malas porcentaxes de tiro acabaron coas opcións ourensanistas
Martín Fernández foi o máximo anotador con 15 puntos
O Monbus Obradoiro levou o derbi do Sar ante o Cloud.gal Ourense Baloncesto. O partido empezou cun 10-0 de parcial a prol do Obradoiro que obrigou a Moncho López a pedir tempo morto. O Obradoiro saíu disposto a confirmar o seu bo momento ante o último rival que o derrotou.
No Sar cruzábanse dúas traxectorias, o Monbus Obradoiro chegaba lanzado tras asaltar o liderado coa súa vitoria na Coruña mentres que o Cloud.gal Ourense Baloncesto enlazaba tres derrotas consecutivas que os afastaba dos play off. Ademais Moncho López non podía contar co mancado Gabe Kalscheur e varios xogadores presentaban molestias físicas. Demasiados problemas para se medir co equipo máis en forma da categoría.
O equipo compostelán marcou diferenzas xa na primeira metade. O parcial do primeiro cuarto foi de 25-12, ao descanso a diferenza era aínda maior 49-21. As porcentaxes dos de Moncho López lastraban as súas opcións: 6/22 en tiros de 2 puntos e 2/16 en tiros de 3.
E o encontro non fixo máis que evidenciar a diferenza entre os dous equipos. O COB tentou pelexar pero os de Epi non reduciron o ritmo en ningún momento ata chegar ao 94-57 final.