Publicador de contidos

Publicador de contidos

O núcleo do PCC cubano dá luz verde ás reformas económicas de Díaz-Canel

O núcleo do PCC cubano dá luz verde ás reformas económicas de Díaz-Canel

O seguinte paso legal das reformas é a súa aprobación na Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP)

REUTERS REUTERS
G24.gal 18/06/2026 07:49

O Comité Central do Partido Comunista de Cuba (PCC, único legal) deu este luns luz verde ás reformas económicas avanzadas o pasado venres polo presidente do país e primeiro secretario da formación, Miguel Díaz-Canel.

Este organismo clave do poder político na illa celebrou esta tarde un pleno extraordinario para avaliar de urxencia un paquete de medidas que promete liberalizar e descentralizar a economía cubana, sumida nunha profunda crise por motivos internos e externos.

Pouco despois do inicio da reunión, o PCC apuntou en redes sociais que as propostas xorden como expresión da lóxica de desenvolvemento no período histórico e en ningún caso constitúen unha desviación do proxecto socialista.

Para terminar de ratificar o apoio do Comité Central a este grupo de medidas, José Amado Ricardo Guerra, membro do Buró Político do PCC (alta dirección do partido), leu unha declaración de apoio do expresidente Raúl Castro, referente político principal na illa a pesar de abandonar xa todos os seus cargos formais.

Castro está plenamente de acordo coas reformas económicas expostas por Diaz-Canel e convencido de que da análise colectiva e mesmo das discrepancias, sempre saen as mellores ideas, afirmou.

Ricardo Guerra agregou que o expresidente chamou tamén á participación do pobo nas reformas e instou os dirixentes a actuaren cos pés e os oídos pegados á terra, tomando moi en conta as opinións e preocupacións da poboación.

O seguinte paso legal das reformas é a súa aprobación na Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP), que se convocou tamén de xeito extraordinario para este xoves. Este corpo lexislativo acostuma ratificar por unanimidade as propostas que lle chegan.

O paquete de cambios foi avanzado o venres pasado por Díaz-Canel nunha comparecencia por sorpresa ante medios estatais.

As medidas van da entrada no sector turístico de novos actores en novas modalidades ao fomento do investimento estranxeiro directo (especialmente para cubanos non residentes), pasando por medidas para ampliar o rol do sector privado.

Tamén prevén cambios que levarían a dinamizar a agricultura, o comercio exterior e o sector inmobiliario, alén de descentralizar a toma de decisións e dotar dunha maior autonomía empresas estatais e municipios.

Estes cambios económicos poden servir á vez dous obxectivos: atallar a profunda crise estrutural que sofre a illa, cunha profunda contracción nos últimos seis anos, e acougar a presión dos EUA, que esixe profundas reformas políticas e económicas á Habana e chegou a ameazar cunha intervención militar para logralo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade