O novo Celta de Rafa Benítez volve satisfeito de Portugal
O próximo partido será no Memorial Quinocho contra o Olympique de Lión francés
Menos mal que nos queda Portugal, debe estar pensando a estas alturas Rafa Benítez. Fútbol de nivel top ao pé da casa sen viaxes transatlánticas e con recursos para que mesmo se poida ver a Aspas intercambiando bandeirolas co Cristiano Ronaldo, ou para probar aguante cun Benfica de estándar Champions.
O Celta vai máis xusto de recursos e o traballo de pretempada do novo técnico celeste comezou coñecendo moita xente nova na cita co exótico Al-Nassr. Poucas posibilidades de saír malferidos, debeu pensar Benítez, e primeiros ensaios do 4-4-2 como referencia táctica en plena carga de traballo físico.
O partido cos árabes saíu redondo e nel apareceu Aspas para demostrar que vai estar, aínda, para ser referencia en moitos partidos do Celta. Os nórdicos tamén presentaron carné de baile e aos tres goles de Larsson houbo que suplementarlles as magníficas credenciais dun batallador Swedberg e o resto das promesas celestes.
Do cómodo Al-Nassr a un esixente Benfica que obrigaba a extremar o traballo defensivo. Solidez na retagarda en 'primeiro de Benítez' que o Celta resolveu apoiado nun contundente Aidoo. Para atacar, que non era materia prioritaria para estes días, Benítez airea o concepto da presión tras perda. Larsen e Iago en punta para agardar réditos sen moita claridade contra os portugueses. E Bamba. Por alí andou a nova fichaxe demostrando lucidez, verticalidade e compromiso defensivo.
O Celta recunca con ensaios con fogo real este sábado, no Memorial Quinocho e contra o Olympique de Lión francés.