Publicador de contidos

Publicador de contidos

O narcosubmarino Poseidón, trasladado ao porto de Vilagarcia para completar a inspección

O narcosubmarino Poseidón, trasladado ao porto de Vilagarcia para completar a inspección

Un camión de transporte especial trasladou o semisomerxible desde o porto do Xufre a Vilagarcia

G24.gal 15/03/2023 13:55

Poseidón, que así se chama segundo reza no casco o narcosubmarino reflotado onte na Illa de Arousa, foi trasladado este mediodía desde o porto do Xufre, na Illa, ao de Vilagarcía. Alí vai continuar a súa inspección en busca de datos que permitan saber quen está detrás.

A presenza do Poseidón no varadoiro do Xufre espertou grande expectación durante toda a mañá na Illa de Arousa. Ducias de axentes da Garda Civil e de Aduanas custodiaron o somerxible mentres efectivos da Policía Xudicial inspeccionaron o interior e retiraron elementos que poidan servir na investigación.

O narcosubmarino, construído en fibra de vidro, ten 20 metros de eslora. É de construción artesanal e das súas características falounos o patrón do remolcador Insuila Rande, que onte o reflotou na ria. Díxonos que é artesanal e rudimentario, que ten forma alongada porque navega atravesando as ondas e que ten catro compartimentos.

Asegura que no batiscafo puideron viaxar tres ou catro persoas en condicións insalubres e sen as mínimas garantías de seguridade para atravesar o Océano Atlántico. 

O Poseidón foi trasladado ao mediodía ao porto de Vilagarcía, onde os investigadores continuarán coas pescudas. Intentan determinar que cargamento puido transportar, que travesía realizou e que relación garda coas planadoras que apareceron varadas en Ribeira hai tres semanas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade