Publicador de contidos

O nacemento dun fillo morto conta para a pensión de xubilación materna

O nacemento dun fillo morto conta para a pensión de xubilación materna

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sentenza que a "discriminación laboral" das traballadoras que son nais comeza no embarazo

G24.gal 06/11/2021 12:04

O nacemento dun fillo morto conta á hora de calcular a pensión de xubilación da nai, segundo decretou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Nunha sentenza do pasado 15 de outubro, divulgada este sábado polo alto tribunal, a sala do social rexeita o suplicatorio de Instituto Nacional da Seguridade Social a un veredicto do xulgado do social número 1 de Santiago de decembro de 2020.

Segundo conclúe no ditame, ante o que cabe recurso de casación para unificar doutrina, o complemento por maternidade nas pensións contributivas está concibido como unha medida específica "en favor das mulleres para corrixir situacións patentes de desigualdade de feito respecto dos homes".

A sentenza sostén que a "situación de discriminación" sufrida polas mulleres por ser traballadoras e nais "producíase xa desde o momento do embarazo, con independencia de se chegaba a bo termo".

Compensar a discriminación laboral

Por este motivo sostén que se debe aplicar ese complemento no caso de falecer o fillo antes de nacer, pois trata de compensar "a discriminación laboral que sofren as mulleres traballadoras, en especial as que á vez foron nais, e máis en especial as que tiveron máis dun fillo, todo iso coa finalidade de reducir unha brecha, que non só é salarial, tamén pensional".

No seu recurso, o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesourería Xeral da Seguridade Social defendían que o nacemento dun fillo morto "non conta como fillo para os efectos do recoñecemento e, no seu caso, da contía do complemento por maternidade nas pensións contributivas".

Beneficio por coidado

Na sentenza da sala do social do alto tribunal galego, ademais, estímase que o beneficio por coidado de fillo se debe xerar por todos os nados entre a interrupción da carreira de seguro -dentro dos nove meses anteriores ao nacemento do primeiro fillo- e os seis anos posteriores e non unicamente polo primeiro deses fillos nese período, como calculaba a Seguridade Social tamén no caso desta muller.

O TSXG conclúe que a interpretación do beneficio contemplado no artigo 236.1 da Lei Xeral da Seguridade Social nun sentido restritivo sería "tanto como xustificar un impacto adverso sobre as mulleres, á vez que suporía unha interpretación contra a conciliación que prexudicaría as persoas traballadoras que concilian, homes ou mulleres", subliña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade