Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha empresa de ciberseguridade analizará o móbil de Déborah Fernández

Unha empresa de ciberseguridade analizará o móbil de Déborah Fernández

A familia acaba de recuperar o teléfono e non perde a esperanza de topar probas no seu interior

G24.gal 28/04/2024 19:43 Última actualización 28/04/2024 21:17

Aínda que o caso da morte de Déborah Fernández se arquivará nun par de meses, a familia non perde a esperanza de poder saber que ocorreu aquel 2002.

Hai só catro días recolleron no xulgado de Tui o teléfono móbil da falecida, iso si sen a tarxeta SIM. O seu avogado contoulle este domingo á TVG que unha empresa de ciberseguridade o vai analizar en busca de probas.

O Nokia 3310 de Déborah Fernández Cervera desapareceu durante 16 anos, desde a morte dela ata que foi atopado logo dunhas obras na comisaría de Canillas, en Madrid.  

"Trátase do teléfono móbil que con tanta insistencia a Policía Nacional dixera no ano 2019 que nunca se lle entregara, aínda que a nai de Déborah aseguraba que llelo entregara a dous policías con nomes e apelidos", conta á TVG Ramón Pérez Amoedo, o avogado da familia de Déborah Fernández.

A tarxeta SIM do teléfono nunca apareceu o que supuxo perder os últimos movementos e contactos da falecida. Malia todo, como derradeiro intento antes de que se arquive o caso, a empresa privada de ciberseguridade Lazarus Technology estudará o terminal.

"Agora o único que imos intentar facer é ver se se pode atopar algunha información e logo imos intentar atopar algunha pegada no seu interior, por se acaso se dese a casualidade que houbese algunha no interior, que sería da persoa ou persoas que lle quitaron a tarxeta SIM", continúa aclarando Ramón Pérez Amoedo, o avogado da familia de Déborah Fernández.

Déborah Fernández-Cervera desapareceu en Vigo en abril de 2002 e o seu corpo apareceu nunha cuneta no Rosal. O seu exmozo segue sendo o único investigado na causa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade