Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Ministerio de Consumo regulará, de forma inminente, a "publicidade do medo"

O Ministerio de Consumo regulará, de forma inminente, a "publicidade do medo"

O Ministerio subliñou que se trata dun tipo de publicidade comunmente utilizada por empresas de seguridade que basea a súa efectividade en presentar escenarios extremos ou improbables, como roubos violentos ou vulnerabilidades catastróficas

O Ministerio de Bustinduy defende a necesidade de regular este tipo de prácticas co obxectivo de garantir un equilibrio no mercado, promovendo unha comunicación ética que priorice a transparencia e o respecto polo consumidor

G24.gal 26/06/2025 08:50

O Ministerio de Consumo regulará de forma inminente a publicidade que se basea en datos enganosos ou que poden xerar no consumidor unha percepción errónea sobre o perigo ao que pode estar sometido se non adquire determinado produto, tamén coñecida como "publicidade do medo".

Segundo informaron fontes do Consumo e adiantou El País, trátase de limitar, a través da lei de consumo sostible, as mensaxes manipuladoras que explotan emocións como a ansiedade e o temor. Por esta razón, o Ministerio que dirixe Pablo Bustinduy considera esencial unha regulación que protexa os consumidores ante este tipo de anuncios.

O Ministerio subliñou que se trata dun tipo de publicidade comunmente utilizada por empresas de seguridade que basea a súa efectividade en presentar escenarios extremos ou improbables, como roubos violentos ou vulnerabilidades catastróficas, co propósito de xerar unha sensación de urxencia ou vulnerabilidade nas persoas. Este tipo de publicidade pode levar os consumidores a tomaren decisións precipitadas, desinformadas ou baseadas no pánico, o cal afectaría á súa liberdade de elección e ao seu benestar psicolóxico.

Isto é algo que o Ministerio de Consumo quere combater para defender unha contorna publicitaria que sexa responsable e para que a promoción de servizos se centre en ofrecer unha información obxectiva, destacando beneficios reais sen apelar a tácticas de manipulación emocional.

Ademais, este tipo de publicidade, segundo o ministerio, fomenta unha cultura de medo que afecta negativamente á sociedade no seu conxunto. Cando as compañías recorren a estas prácticas, di, contribúen á percepción de que as contornas cotiás son inherentemente perigosas, o cal incrementa a desconfianza e a sensación de inseguridade xeneralizada: "Isto non só pode alterar a calidade de vida das persoas, senón tamén desviar recursos cara a servizos innecesarios ou desproporcionados en relación co risco real".

Por todo iso, o ministerio de Bustinduy defende a necesidade de regular este tipo de prácticas co obxectivo de garantir un equilibrio no mercado promovendo unha comunicación ética que priorice a transparencia e o respecto polo consumidor á vez que reforza unha percepción máis saudable e realista da seguridade na sociedade. Conforme a isto e a través da lei de consumo sostible, o Ministerio de Consumo modificará a lei de competencia desleal para obrigar as empresas a que fagan este tipo de comunicacións comerciais e a ofrecer información cuantitativa ou estatística que permita aos consumidores faceren unha avaliación real do risco a que se expoñen se non adquiren o ben ou o produto que se lles ofrece.

A lei de competencia desleal xa prohibe a publicidade na que se inclúa información falsa sobre o risco ou perigo que pode sufrir un consumidor en caso de non adquirir un ben ou servizo. Agora, con modificación do artigo 27.2, que fai referencia a outras prácticas enganosas. Este artigo verase completado co seguinte parágrafo: "Cando tales afirmacións, aínda sendo veraces, utilicen a exposición a un risco ou perigo como argumento principal de persuasión comercial, deberán incorporar, en condicións de adecuada visibilidade, adaptada ao medio no que se realice, a comunicación, información complementaria de carácter cuantitativo ou estatístico que permita ao consumidor ou usuario avaliar a súa frecuencia, impacto relativo ou proporción".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade