O mellor Celta da historia como visitante
O equipo de Giráldez encadea unha serie de catro vitorias consecutivas, algo que nunca antes acadara na Primeira División
O mellor rexistro teno con sete triunfos seguidos fóra da casa, na temporada 2004-05 na Segunda División
O Celta esnaquizou no Bernabeu varios rexistros históricos. O máis importante, que acadou a cuarta vitoria seguida como visitante, algo que nunca antes conseguira na Primeira División. Comezou a serie coa vitoria no campo do Osasuna (2-3), seguiu diante do Levante (1-2) e deulle continuidade contra o Alavés (0-1). O máis difícil era gañar no campo do Real Madrid e logrouno grazas ao dobrete de Williot (0-2).
Non é a mellor marca particular porque na campaña 2004-05 na Segunda División o equipo entón adestrado por Fernando Vázquez chegou ás sete vitorias seguidas como visitante. Estivo sen perder entre o 5 de febreiro e o 24 de abril e acabou ascendendo a Primeira.
Outro rexistro que conseguiu o Celta foi o de acadar o primeiro triunfo no Bernabeu sen encaixar un gol. É a sexta vitoria no campo do Real Madrid e nunca deixara a porta a cero. Desde 2006 non gañaba en Liga (1-2) e no 2017 logrou o triunfo na Copa (1-2).