O matrimonio alemán que encerrara os fillos durante anos na casa en Oviedo sairá en liberdade
O Tribunal Superior de Asturias estimou parcialmente o recurso dos pais, e absolveunos do delito de maltrato psicolóxico
Manteñen a pena de seis meses por abandono familiar, que xa terían cumprida
O matrimonio alemán que confinou os fillos durante tres anos e medio nunha casa en Oviedo sairá de prisión de maneira inminente. O Tribunal Superior de Asturias revisou a condena e absólveos do delito de maltrato psicolóxico. Só mantén a pena de seis meses por abandono familiar, que xa teñen cumprida.
Entende o tribunal que o que se deu foi unha "sobreprotección mal entendida" dos pequenos. Di que nese confinamento non houbo castigos, violencia física, nin clima de terror. Tampouco existían pechaduras ou cadeados para reter os menores na casa, na que viviron dende que chegaron a España en 2021 ata que os liberaron en 2025.
Destapou o caso unha veciña: alertou de que oía voces de nenos, e que nunca os vía fóra da casa. Ao entrar, a policía atopou tres rapaces, un de dez anos e dous xemelgos de oito, mal nutridos e en condicións insalubres. Durmían aínda en berces e usaban cueiros, non saían ao exterior, nin estaban escolarizados.
Os servizos sociais fixéronse cargo dos nenos, e o matrimonio -de orixe alemá- foi detido e condenado en primeira instancia a case tres anos de cadea, por abandono familiar e maltrato psicolóxico dos menores. A defensa sempre mantivo que a parella confinara os fillos para protexelos, por un medo irracional á covid.
"Non había ningunha casa do terror, o que había era unha familia aterrorizada por saír ao exterior" di o avogado da nai, Javier Muñoz. "Era un comportamento realmente anómalo, pero non criminal", engade.
Celebra que así o entendera agora o Tribunal Superior en Asturias que, coa rebaixa das penas e a anulación das medidas cautelares, decretou a posta en liberdade da parella con carácter inmediato. A sentenza afirma que a reclusión dos pequenos afectou ao seu desenvolvemento físico e psicolóxico. Teñen recoñecido un grao de discapacidade do 35 por cento e, de momento, seguen custodiados polos servizos sociais.