Publicador de contidos

Publicador de contidos

O lume non dá tregua en Galicia e deixa unha noite de desaloxos e confinamentos

O lume non dá tregua en Galicia e deixa unha noite de desaloxos e confinamentos

Os incendios activos na provincia de Ourense superan nestes momentos as 8.000 hectáreas queimadas

Once persoas necesitaron asistencia sanitaria, entre eles o bombeiro de Oímbra en estado moi grave

Incendio en Oímbra (EFE/Brais Lorenzo) Incendio en Oímbra (EFE/Brais Lorenzo)
G24.gal 13/08/2025 09:22 Última actualización 13/08/2025 12:07

Os medios de extinción tiveron que traballar duro este mércores de madrugada, principalmente en Ourense, polos incendios forestais que levaron a activar a situación 2 de emerxencia na provincia e obrigaron a desaloxar núcleos de poboación e confinar outros.

Así, tiveron que abandonar os seus fogares unha vintena de habitantes de Somoza, outros tantos de Pena Petada, no municipio da Pobra de Trives, e tres máis na Paleta, en Maceda.

Na estación de Montaña de Manzaneda confinaron por precaución os nenos e os monitores dun campamento de verán, aínda que xa de madrugada se confirmaba que o perigo pasara para eles.

Alí, despregouse un importante dispositivo para garantir a súa seguridade en todo momento e, segundo os medios de extinción, lograron estabilizar as lapas, que seguiron sen control noutros puntos do municipio.

O lume tamén ameazou núcleos como os de Calveliño do Monte en Maceda, ou As Chás no de concello de Oímbra, onde tamén houbo evacuacións.

De Oímbra, o lume pasou ao de Monterrei, onde se achegou ás casas de Medeiros, lugar no que arderon patios e producíronse evacuacións. Confináronse unhas 500 persoas dos núcleos de Medeiros, Flariz e A Salgueira, todos xa desconfinados.

Na Mezquita, medio centenar de usuarios dunha residencia da terceira idade tamén tiveron que pasar a noite noutro centro de maiores da provincia de Ourense polo incendio na parroquia de Esculqueira que este martes obrigou a desaloxarlles. 

En canto aos danos persoais, os máis graves son os tres membros da brigada municipal de Oímbra, un deles en estado moi grave. En canto a casos máis leves, o 112Galicia informa de catro persoas tratadas por crises de ansiedade, tres por traumatismos, tres por queimaduras, e dúas por problemas respiratorios.

Paralelamente, restableceuse a circulación na autovía A-52, que estivo cortada entre A Mezquita e Cualedro, así como na autovía AG-53 (que une Santiago con Ourense) e a estrada N-525, que estiveron cortadas en Dozón. Tamén volveu a circular o tren entre Santiago e Ourense, así como o AVE entre Galicia e Madrid.

Máis de 8.000 hectáreas queimadas en incendios activos en Ourense

Os incendios activos na provincia de Ourense nestes momentos superan as 8.000 hectáreas queimadas, e elevan ata as 11.000 hectáreas ardidas en Galicia no que vai de verán.

O de maior superficie afectada é o de Chandrexa de Queixa, que se iniciou na parroquia de Requeixo o venres da semana pasada, e que afecta a unhas 4.500 hectáreas. É o maior de todo o verán en Galicia. 

Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 15 técnicos, 58 axentes, 92 brigadas, 48 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 13 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). 

Bombeiro forestal actuando no incendio de Monterei (EFE/Brais Lorenzo) Bombeiro forestal actuando no incendio de Monterei (EFE/Brais Lorenzo)

No mesmo concello de Chandrexa de Queixa declarouse outro incendio este martes á tarde, na parroquia de Parafita, que afecta a máis de 500 hectáreas, parte delas do concello lindeiro de Manzaneda.

O incendio iniciado na madrugada do luns ao martes en Maceda, na parroquia de Santiso, queimou xa unhas 1.700 hectáreas, parte delas no municipio de Montederramo

O declarado este na parroquia da Granxa, en Oímbra, supera as 200 hectáreas ardidas, parte delas do concello veciño de Monterrei.

E na Mezquita, arde desde a mañá de onte na parroquia de Esculqueira, onde o lume levou por diante unhas 100 hectáreas.

Amais diso, Medio Rural deu por estabilizados os incendios declarados na parroquia de Seixalbo, en Ourense, (50 ha), o iniciado na parroquia de Castro de Escuado, en Maceda (450 ha), o de Mormentelos, en Vilariño de Conso (180 ha), o de Paredes, en Montederramo (120 ha), e o de Moialde, en Vilardevós (40 ha).

Amais diso, fóra da provincia de Ourense, está activo o incendio declarado na parroquia do Castro, en Dozón, que fixo necesario declarar a situación 2 por proximidade do lume ás vivendas, e que xa supera as 300 hectáreas queimadas.

Tamén se deu por estabilizado o rexistrado na parroquia de Santalla, en Samos, que queimou unhas 200 hectáreas.

Outros incendios que se produciron nos últimos días danse agora por controlados, como o de Monteseiro, na Fonsagrada, o de Souto, na Estrada, e o de Mourazos, en Verín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade