O lume calcina un restaurante no paseo de Praia Xardín, en Boiro
As lapas propagáronse rápido axudadas polo vento, e non hai danos persoais que lamentar
Nas tarefas de extinción participaron bombeiros e protección civil de Boiro e de Ribeira, pero non puideron facer nada por salvar o local
Alertou do lume un particular que pasaba pola zona pouco antes das cinco da mañá. Axiña chegaron as primeiras dotacións de bombeiros, pero non puideron facer nada xa por salvar o local.
"Cando chegamos xa vimos que estaba ardendo o restaurante contra a fachada sur, xa coa estrutura case totalmente afectada", explica o sarxento en funcións do parque de bombeiros de Boiro, Francisco García.
Na extinción participaron tres dotacións de bombeiros e Protección Civil de Boiro e de Ribeira. Controlaron o lume sobre as sete da mañá, e arredor das nove xa o deron por extinguido e puido reabrir o tráfico da estrada que une Boiro con Escarabote.
As lapas arrasárono todo, axudadas seguramente polo vento, que sopraba con forza. "Era unha estrutura de madeira", explica o sarxento García, "tal e como tira o vento, propagouse moi rápido por todo o local", engade.
Contra as seis da mañá, cando chegaba aquí o propietario do restaurante, xa non quedaba nada del. "Xa estaba totalmente en lapas, o teito xa caera, non había nin portas nin ventás", relata David Rodríguez.
Case dez anos levaba David á fronte do Estrela do Mar, e case vinte traballando nese local no paseo de praia Xardín en Boiro. Pecharon despois do servizo de comida de onte, deixaron todo recollido e contaban reabrir hoxe ás 10. Aínda en estado de choque, dá grazas de que non haxa danos persoais que lamentar.
"Traballamos con bombonas de propano, tivemos a sorte de que non explotou ningunha, por sorte só hai danos materiais" conta o hostaleiro. Lamenta ver o traballo de moitos anos "reducido a cinzas", e di que o que máis lle preocupa agora é a situación dos sete traballadores que atendían o local, "a ver como conseguimos darlle solución a esta xente", afirma.
A Garda Civil abrirá unha investigación para tentar determinar as causas do lume, pero din que todo apunta a que foi un incendio fortuíto.