O Lugo reacciona en Tarragona para sacar un empate (2-2)
Os goles de Lizancos e Afriyie, e a parada dun penalti de Lavín, determinantes
O Lugo manténse fóra do descenso á espera do resto da xornada
A etapa de Álex Ortiz no banco do Lugo comezou cunha sensación agridoce. Cun empate en Tarragona, no campo dun rival en zona de promoción de ascenso, pero un punto que non abonda na loita por fuxir dos postos de descenso.
O partido comezou igualado, pero quedou marcado polo maior acerto local. A primeira metade rematou cun 2-0, en dúas accións illadas, que acabaron cos tantos de Antoñín e Oriol.
Na segunda metade mellorou moito o Lugo, que buscou a racción e gozou de boas ocasións antes de acadar os seus goles. Resultou fundamental Afriyie. Asistiu a Lizancos para acurtar diferenzas no minuto 68. E anotou o definitivo empate a dous no terceiro minuto do engadido, recollendo un balón solto na área. Xusto antes, Marcos Lavín erixiuse no heróe cando lle detivo un penalti a Antoñín, que permitiu a igualada final.
O empate é o primeiro punto da era Álex Ortiz, e mantén os lugueses un punto por riba do descenso, pero a tiro do Sestao e do Osasuna Promesas, que o poderían superar antes de que acabe a xornada.