O Lugo pode co Pontevedra (1-0) non bo segundo tempo
Iker Unzueta marcou o único gol do partido no minuto 55
O Lugo, superior tras o descanso, adianta ao Pontevedra na clasificación
Yago Iglesias puido co seu exequipo
Un solitario gol de Iker Unzueta resolveu o derbi do Anxo Carro a prol do Club Deportivo Lugo, que foi superior na segunda metade. Na primeira comezou mellor o Pontevedra, que tivo unha boa opción para adiantarse no marcador. O centro de Álex González non o puido rematar un Álex Compa que se queixou dunha agarrada de José Amo.
Era moi cedo, minuto tres. Quizais por iso Rubén Domínguez non pediu a revisión. Tampouco a pediu o técnico local, Iago Iglesias, no minuto 38, nunha acción de posible penalti de Miguel Cuesta a Balboa. Neste caso para non esgotar a cota, xa que sería a segunda do equipo lugués.
Así, entre polémicas e escasas aproximacións de perigo, chegouse ao lecer. O Xabarín e Nabic animaron a espera. Queceron como puideron o ambiente na fría tarde luguesa. E a cousa cambiou no segundo tempo. O Lugo meteu presión con decisión arriba. E comezou a xerar oportunidades.
Jorge González estragou unha moi clara tras un gran pase de Neco Celorio. O Pontevedra tiña moitos problemas para saír co balón xogado. E nunha desas, roubo de Diego Caballo, pase deste para Lago Júnior, e o centro do marfilés atopou o mellor destinatario. Iker Unzueta rematou con acerto para facer o un a cero.
Era o minuto 56 e o gol foi suficiente para os locais porque defenderon con acerto e apenas concederon ante un rival que non atopaba os camiños. Só unha xogada na que Resende e Brais Abelenda non souberon resolver levou certa inquedanza á portería de Marc Martínez nunha recta final na que a ocasión máis clara foi para o conxunto lugués.
Teofilovic non puido con Edu Sousa no man a man. Foi a última do partido. Tras o seu triunfo, o Lugo supera ao Pontevedra na táboa. Dezaoito puntos para os de Iago Iglesias polos dezasete cos que quedan os de Rubén Domínguez, os dous na zona media da clasificación.