O Lugo cae en Andorra (2-0) e queda ao bordo do descenso
Os de Seligrat non atoparon resposta aos goles de Cerdá e Manu Nieto
O Lugo perdeu en Andorra, nun encontro no que foi incapaz de responder ao madrugador gol de Cerá, e acabou concedendo un segundo tanto nunha acción desafortunada no último minuto.
Comezou o Andorra con máis posesión, pero o Lugo axiña amosou os dentes. Nun balón longo, Reniero foi agarrado na área, pero o árbitro non indicou nada. Na seguinte acción, un roubo no centro da área desembocou nunha contra con centro de Perero. Oriol Busquets chegou antes que Bryan Mendoza.
Pero, xusto despois dun balón longo ao que tivo que saír Marcos, o Andorra ía aproveitar a súa primeira aproximación clara. Un balón dentro da área para Josep Cerdá, que se moveu rápido e rematou raso, sorprendendo a Marcos para facer o 1-0.
O gol esporeou os locais, que gañaron presenza ofensiva mentres o Lugo intentaba sacudir o dominio. Contra a media hora, outro roubo aproveitouno Perero para asistir a Roger Martínez, que rematou ás mans de Nico. Foi a máis clara dunha primeira metade que rematou coa vantaxe local.
Na continuación, o Lugo botouse cara adiante, e pola banda esquerda chegaron as primeiras aproximacións. Jon Cabo rematou alto logo dunha boa combinación con Reniero, e pediuse unha man nun centro de Zoilo que o árbitro non concedeu. Pouco despois, unha nova xogada rápida logo dun roubo volveuna rematar ás nubes Jon Cabo. O Andorra comezou cos cambios, e aproveitou as fiestras para cortar o ritmo dos de Toni Seligrat, incapaces de xerar máis perigo.
E, nunha mala saída do balón de Marcos e de Dani Vidal, os andorranos aproveitaron para pechar o partido. Erik Ruiz acabou cometendo penalti sobre Cerdà, que transformou Manu Nieto no 2-0 definitivo aos 89 minutos. Malia á derrota, o Lugo segue fora dos postos de descenso.