O Liverpool resiste o ataque do Submarino Amarelo e xogará a final da Champions
O Liverpool resiste o ataque do Submarino Amarelo e xogará a final da Champions
O Vilarreal igualou a eliminatoria nunha gran primeira metade, pero na segunda o equipo inglés logrou unha gran remontada (2-3)
"Patéticos", "unha desgraza para a Champions"... Así chegaron a falar do Vilarreal despois do partido de ida en Liverpool (2-0). Máis dun comeu as súas verbas despois dun primeiro tempo en que o Submarino Amarelo puxo contra as cordas o equipo inglés.
Só ían tres minutos cando Boulaye Diá empurraba á rede unha deixada de Capoue. O Vilarreal conseguiu neutralizar o fútbol do Liverpool. Serio en defensa e con aparicións certeiras en ataque. No 37 unha caída de Lo Celso diante de Allison trouxo a polémica, pero o colexiado non asubiou o penalti.
Só catro minutos máis tarde (no 41') Capoue volvía poñer un centro que remataba á rede Coquelin. A eliminatoria estaba empatada e abríanse as posibilidades para unha fazaña coa que poucos contaban na previa.
A bronca de Klopp no descanso tivo que ser monumental. O Liverpool volveu do vestiario dun xeito completamente distinto. Nos primeiros dez minutos avisaron Alexander Arnold e Luis Díaz. E no 61' Fabinho volvía poñer por diante na eliminatoria o equipo vermello cun disparo en que Rulli puido facer máis.
O gol foi o golpe letal para o Vilarreal. O Liverpool estaba lanzado e nun abrir e pechar de ollos Luis Díaz (minuto 67) e Sadio Mané (no 74) poñían o 2-3. O Vilarreal vendeu cara a súa derrota pero volveu quedar ás portas dunha final da Champions. O equipo inglés buscará o seu sétimo trofeo e igualar co Milán como o segundo con máis Ligas de Campións na historia.