O Leyma, xa descendido, quere evitar a última praza
O equipo dirixido por Diego Epifanio atópase a unha vitoria do Coviran Granada, que dúas horas antes recibe o Breogán na súa pista

Consumado o seu descenso a Primeira FEB, sen o base estadounidense Brandon Taylor, o seu director de xogo ata que o pasado martes decidiu aceptar o reto de pelexar polo título da liga italiana co Virtus Bolonia, ao Básquet Coruña quédalle o aliciente de evitar a última praza da liga Endesa na súa estrea na máxima categoría.
O equipo dirixido por Diego Epifanio atópase a unha vitoria do Coviran Granada, que dúas horas antes recibe ao Breogán na súa pista. Os nazarís aínda teñen opcións de salvación, aínda que son escasas. Necesitan gañar os tres partidos que restan por xogarse, que o Xirona perda todos os seus partidos ou que o faga o Andorra, ao que ademais debería de recuperar o average de 16 puntos no duelo que protagonizarán na última xornada.
Precisamente o equipo do Principado é o rival de mañá do Básquet Coruña, co que podería debutar o base estadounidense Alonzo Verge Jr, fichado esta semana para suplir a baixa de Taylor. Do seu rendemento neste últimas tres xornadas podería depender a súa continuidade no proxecto na categoría de prata.
Epifanio, que non ten garantida a súa continuidade no banco laranxa a pesar de ter un ano máis de contrato, tampouco poderá contar con Trey Thompkins e Thomas Heurtel, ao que o presidente Pablo de Amallo mandou un recado esta semana.
“É un xogador complicado, cun gran talento, pero a súa xestión é complicada. Deunos minutos moi bos, pero tamén está a parte de xestión de equipo e sei que houbo algunha complicación”, dixo sobre o francés o dirixente do Básquet Coruña nunha entrevista na Cadena Ser.
Non son os únicos contratempos para o técnico do Básquet Coruña, que segue pendente da evolución do pivote Augusto Lima. A súa ausencia deu maior protagonismo ao serbio Goran Huskic, Atoumane Diagne e Karlis Silins, un dos reforzos invernais.