O insaciable Lewandowski tamén vai pola Champions
Tripla goleadora do dianteiro polaco no triunfo do Barcelona sobre o Viktoria Plzen (5-1)
Vitoria do Atlético ante o Porto, con tres goles no tempo engadido (2-1)

Catro goles na Liga e tres no primeiro partido de Champions. Robert Lewandowski tamén quere a Liga de Campións e foi o xogador que marcou a diferenza no primeiro partido da fase de grupos fronte ao Viktoria Plzen (5-1).
Outro dos novos marcou o primeiro tanto do partido. Kessié non agardou nin ao minuto 15 para adiantar o seu equipo.

Logo chegaría o momento do gran Robert. No 34 anotou o segundo e no 45 o terceiro. Polo medio, os checos acurtaran diferenzas cun tanto de Jan Sykora (m 42).
O segundo tempo foi un acoso sen derruba do Barcelona. No 70 Lewandowski conseguiu a tripla goleadora para poñerse con 89 na Champions, o terceiro máximo realizador na historia da competición, só por detrás dos fenómenos Cristiano e Messi.

Nuevo club, mismas costumbres.
— Fútbol en Movistar Plus+ (@MovistarFutbol) September 7, 2022
⚽️⚽️⚽️ El hat-trick de Lewandowski en su primer partido de Champions con el Barça. #LaCasadelFútbol #UCL pic.twitter.com/lJHTWpXexc
Aínda quedaría tempo para lograr a "manciña" co tanto marcado por Ferrán Torres. De todos os xeitos, no Camp Nou todos os seareiros eran conscientes de que as grandes citas chegarán noutras xornadas ante o Inter de Milán e o Bayern de Múnic.

Vitoria do Atlético, con tres goles no engadido
O Atlético precisaba comezar con bo pé no Metropolitano contra o Porto, o equipo que eliminara na última edición. Pero os de Simeone non pasan por un bo momento. A días de xogar contra o Celta, os portugueses foron superiores e tiveron máis ocasións para lograr o triunfo.
Pero nos últimos minutos torcéuselles o partido aos do Porto. Primeiro foi expulsado Taremi (minuto 82) e no segundo do tempo engadido Mario Hermoso marcaba o gol que deixaba o Atlético moi preto do triunfo. O partido aínda daría outra volta cando o propio Hermoso no 95 tocou un coiro coa man na área. Uribe non perdoou desde o punto de penalti. Quedaba unha sorpresa máis na noite madrileña, cando na última xogada do partido Griezmann acertaba (minuto 101) para darlle ao Atlético unha incrible vitoria.