Publicador de contidos

Publicador de contidos

A superficie arrasada polo incendio de Trabada alcanza xa as 1.200 hectáreas

A superficie arrasada polo incendio de Trabada alcanza xa as 1.200 hectáreas

Os seis incendios forestais dos últimos días, tres aínda activos, deixan unha superficie queimada de 1.850 hectáreas

A chuvia deste venres colaborou nos traballos de extinción

En Lobeira xa está extinguido o incendio que queimou 110 hectáreas e está estabilizado o que levou por diante 360 en Vilariño de Conso

Persoal de extinción de incendios en Trabada (EFE/Eliseo Trigo)
G24.gal 13/10/2023 09:51 Última actualización 13/10/2023 19:38

O incendio de Trabada arrasou xa máis de 1.200 hectáreas, segundo os últimos cálculos facilitados pola Consellería do Medio Rural. Nestes momentos o principal problema é o forte vento, con refachos superiores a 80 quilómetros por hora e que mesmo impediu que engalasen os equipos aéreos que non puideron traballar en toda a mañá.

Na Mariña, igual que en case toda Galicia, comezou a chover esta mañá con certa intensidade, o que podería axudar nas tarefas de control e extinción dos incendios.

 

Non obstante, os equipos de emerxencia din que ten que chover moito e con certa forza para que esa auga permita darlles un respiro.

O incendio, que afecta tamén o concello veciño de Ribadeo, obrigou a cortar ao tráfico a autovía do Cantábrico (A-8), como consecuencia do fume e das cinzas en suspensión que provocou o lume e que dificulta moito a visibilidade para os usuarios da vía.

Segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Tráfico, a autovía quedou cortada totalmente ao tráfico, en ambos os sentidos da circulación, ao redor das cinco e media da pasada madrugada e non foi ata as catro da tarde que se recuperou o tráfico.

En concreto, a vía estivo cortada á altura da Preixoana, entre os quilómetros 508 e 516. Axentes da Garda Civil de Tráfico desviaron os condutores nas rotondas de acceso para que transitasen pola estrada nacional.

Incendio en situación 2

Este incendio obrigou a Consellería do Medio Rural a declarar a situación 2 de alerta no municipio de Trabada, como consecuencia da proximidade do lume a núcleos de poboación, en concreto aos de Barreiros, Vidal e Penacova.

Os servizos de extinción seguen traballando, de momento non hai casas afectadas nin tampouco houbo que lamentar danos persoais

A alcaldesa de Trabada, Maira García, recoñeceu que os veciños do seu municipio están a vivir estas últimas horas con moita “inquietude” e “consternación, dado que neste concello da Mariña lucense "o monte é produtivo", como un "banco sen intereses" para moitas familias, que sufriron grandes perdas "nun momento".

"Son millóns de euros. En seis ou sete anos, debía achegarlles aos propietarios da parroquia de Trabada entre 12 e 13 millóns de euros", explicaba Daniel Villapol, madeireiro.

No concello de Ribadeo, onde varias aldeas foron evacuadas e o Goberno local habilitou o pavillón dos deportes para que as familias nesa situación de desaloxo puidesen pasar a noite.  Non obstante, “ao final, só unha persoa pasou a noite” no pavillón, explicou o alcalde da localidade, Daniel Vega, quen dixo que a situación segue sendo nestes momentos “preocupante”. 

O principal problema co que están a loitar os medios de extinción “é o vento”, afirmou o rexedor, que está “a soprar con moita forza” e favorece a propagación das chamas.

O conselleiro do Medio Rural, José González, sinalaba que tanto neste como noutros incendios que nas últimas horas afectan a Galicia, a intencionalidade é clara. "Hai sempre un conxunto de desalmados que, cando se dan determinadas circunstancias climatolóxicas, ademais sábeno perfectamente, saben que viña un vento do suroeste, e que no sitio no que puxeron o lume ía dar moitos problemas", afirmaba o conselleiro que apelaba "á colaboración cidadá".

Evolución doutros incendios

Porén, non é o e Trabada o único incendio que preocupa nas últimas horas. Tamén na Mariña, en Foz, catro frontes de lume, relativamente próximos entre si, arrasaron xa unhas 70 hectáreas.

En Chantada, na parroquia de Requeixo, contra ás 13:00 deste venres deron por extinguido un incendio que afectou a unhas 89 hectáreas.

En Vilariño de Conso, o incendio iniciado na parroquia de Chaguazoso, segundo o último cálculo as hectáreas afectadas son 360, logo de quedar estabilizado.

En Lobeira, está extinguido o que prendeu na parroquia de Parada, e que afectou o Parque Natural do Xurés-Baixa Limia e que queimou xa unhas 110 hectáreas.

O que mellor evolución ten é o que afectou a parroquia de Nieva, en Avión, e que esta mañá se deu por extinguido, tras afectar a máis de 70 hectáreas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade