O incendio de Huelva supera as 20.000 hectáreas e mantén máis de 500 persoas desaloxadas
O lume continúa fóra da capacidade de extición debido ao vento e aos fenómenos convectivos
O operativo está formado por máis de 600 efectivos, 169 vehículos e ata 26 medios aéreos
O incendio forestal declarado o pasado xoves en Niebla (Huelva) supera xa as 20.000 hectáreas de perímetro, 12.000 máis que o domingo, e mantén máis de 500 persoas desaloxadas de varios núcleos e vivendas dos municipios afectados.
O conselleiro da Presidencia, Sanidade e Emerxencias da Xunta de Andalucía, Antonio Sanz, asegurou que o lume continúa "fóra de capacidade de extinción" debido ao seu comportamento e a falta de condicións meteorolóxicas favorables.
O operativo, formado por máis de 600 efectivos, 169 vehículos e ata 26 medios aéreos, céntrase en frear o avance do incendio cara ás zonas habitadas-
As autoridades lembran que as 20.000 hectáreas corresponden ao perímetro percorrido polo lume e non á superficie calcinada, que aínda non se pode determinar con precisión. Cinco estradas comarcais permanecen cortadas.
Continúan as evacuacións
A dirección da Emerxencia do incendio de Niebla (Huelva) ordenou o afastamento preventivo da aldea das Delgadas, en Zalamea a Real (Huelva), e do núcleo principal del Madroño (Sevilla) e as súas catro pedanías: El Álamo, Juan Antón, Juan Gallego e Villargordo.
A medida en Huelva adóptase de forma anticipada ante a posible evolución do incendio forestal e para asegurar o traslado da poboación antes de que puidese afectar á zona e roteiros de saída. Unha medida para que o traslado se realice con tempo, de forma ordenada, serena e con total seguridade.
Os plans de continxencia teñen en conta a elevada proporción de persoas maiores de 65 anos e as limitacións dunha rede viaria condicionada pola orografía e a contorna forestal.
No tocante a Sevilla, son case 300 habitantes do Madroño (Sevilla) os que serán evacuados ao Centro de Participación Activa del Castillo de las Guardas. No caso deste municipio, o desaloxo ordenouse ante a posibilidade de que o intenso fume poida afectar gravemente os veciños.
Imaxe do incendio de Castelló
Incendios no resto de España
En Castelló lóitase contra un dos incendios máis graves e complexos do medio cento que permanecen activos en todo o Estado e que o domingo obrigou a evacuar a poboación de Catí.
Este luns o lume de Tírig presentaba unha situación moi favorable despois de queimar 810 hectáreas. De feito esta noite as boas condicións meteorolóxicas permitiron deixar sen lapas os 21 km do seu perímetro.
En Segovia hai dous incendios activos, pero é o de Navas de San Antonio o que obriga a manter a evacuación dos veciños de dúas poboacións. O lume evolucionou a mellor, pero o seu regreso á casa depende tamén aqui da evolución do vento nas próximas horas.