Publicador de contidos

Publicador de contidos

O historiador Timothy Garton Ash, premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais

O historiador Timothy Garton Ash, premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais

O xurado cualifícao como "un autor imprescindible do noso tempo" e resalta a súa defensa democrática fronte ao populismo e o autoritarismo

Timothy Garton Ash, nunha imaxe de arquivo (Aftonbladet/Lotte Fernvall/Zuma Press) Timothy Garton Ash, nunha imaxe de arquivo (Aftonbladet/Lotte Fernvall/Zuma Press)
G24.gal 26/05/2026 12:43

O historiador, xornalista e ensaísta británico Timothy Garton Ash, autor de once libros de ensaios políticos nos que analiza a transformación de Europa durante o último medio século, foi galardoado este martes co Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais 2026.

Cun traballo a medio camiño entre a historia como disciplina e o xornalismo como oficio, Garton Ash (Londres, 1955), considerado un dos mellores analistas do desenvolvemento político nas antigas repúblicas soviéticas, dedicou a súa vida para estudar e reflexionar sobre Europa, aínda que tamén escribe sobre os Estados Unidos e as relacións con grandes potencias como A China, Rusia ou A India.

No seu último libro, Homelands (Patrias), na que combina a historia contemporánea coa reportaxe e as memorias de medio século de viaxes e experiencias, narra a historia de Europa a finais do século XX e principios do XXI para acabar facendo un chamamento aos seus cidadáns para que defendan o que lograron colectivamente, aínda que haxa cousas que saísen mal.

Como sinalaba nunha entrevista con EFE, a súa intención é advertir aos mozos europeos de que o continente da Unión Europea, das liberdades, paz e prosperidade é unha excepción e non a norma, e que se a xente non se mobiliza para defendela podería desaparecer da mesma forma que o fixo a Europa de antes de 1914.

Alén de temas como a liberdade, a democracia e os dereitos humanos, a súa obra abarca asuntos de política global e relacións internacionais, o que lle permitiu desenvolver un enfoque multidisciplinar que une historia, ciencia política, e xornalismo

O xurado resalta a súa defensa democrática fronte ao populismo e autoritarismo

O xurado do Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais 2026, destacou a súa defensa dos valores democráticos que fai este pensador fronte a perigos como o autoritarismo ou o populismo.

O xurado, que estivo presidido polo sociólogo e xurista Emilio Lamo de Espinosa, resaltou que "a súa mestura de erudición e testemuño privado sobre momentos cruciais da historia recente de Europa convérteo nun pensador excepcional e inspirador".

As súas publicacións e intervencións públicas "axuntan o rigor cunha apaixonada e lúcida defensa dos valores democráticos e alertan contra os perigos que ameazan á democracia liberal, como o autoritarismo ou o populismo", recolle a acta que foi lida este mediodía en Oviedo.

Para o xurado, o compromiso der Garton Ash coa liberdade e a súa defensa da unidade e a fortaleza do proxecto europeo fan del "un autor imprescindible do noso tempo" porque "o seu é un pensamento emancipador que ofrece claves ineludibles para interpretar o presente e argumentos para encarar o futuro con esperanza".

A candidatura de Garton Ash foi proposta por Rosa Navarro Durán, catedrática emérita da Universidade de Barcelona, e nas deliberacións impúxose a outras trinta e cinco dunha ducia de nacionalidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade