A helichrysum súmase á lista de especies invasoras na contorna da Torre de Hércules
A planta, procedente de Suráfrica, supón unha ameaza para a flora autóctona nun espazo de especial interese natural
Colectivos ecoloxistas levan anos loitando contra a expansión da unlla de gato ou a margarida do Cabo
Toxos e queiroas. Matogueira seca de costa. Esta foi sempre a vexetación autóctona da contorna da torre de Hércules, unha de enorme valor natural que acolle un monumento Patrimonio da Humanidade.
Tal como acontece noutras zonas do noso litoral, a flora autóctona estase a ver ameazada aquí pola proliferación de especies invasoras. A herba do coitelo, tamén coñecida como unlla de gato, ou a margarida do Cabo, son as máis estendidas. Pero nos últimos tempos unha nova especie, precedente tamén de Suráfrica, está a gañar terreo na costa coruñesa: a helichrysum.
No Grupo Naturalista Hábitat, que traballa na cidade da Coruña, están valorando a posibilidade de poñer en marcha, proximamente, unha campaña para frear a súa expansión. Xa o veñen facendo periodicamente, dende 2018, con outras especies invasoras.