Publicador de contidos

Publicador de contidos

O gromo de ébola en Uganda acumula 130 casos confirmados e 43 mortes

O gromo de ébola en Uganda acumula 130 casos confirmados e 43 mortes

O virus esténdese malia as restricións postas en marcha polas autoridades o pasado 15 de outubro

G24.gal 01/11/2022 16:28 Última actualización 01/11/2022 17:43

O gromo de ébola declarado en Uganda o pasado 20 de setembro acumula xa 130 casos confirmados, incluídas 43 mortes, segundo confirmaron fontes do Ministerio de Sanidade do país.

Ademais, rexistráronse polo menos 2.183 contactos con doentes, para ser monitorizados, de acordo coa última actualización do Goberno.

Os casos seguen aumentando malia as restricións postas en marcha o pasado 15 de outubro. Ademais do confinamento dos distritos centrais de Mubende e Kasanda, epicentros do gromo, hai toque de recollida entre as 19:00 e as 6:00 hora local.

O presidente Yoweri Museveni ordenou tamén o peche dos locais de lecer e de culto, aínda que os centros educativos permanecen abertos "con medidas estritas para operar". Canto aos enterros, ten que facelos o persoal sanitario, sexan ou non mortes por ébola.

Uganda declarou este gromo tras confirmar un caso en Mubende, onde morreu un home de 24 anos pola enfermidade que causa ese virus, en concreto pola infrecuente cepa de Sudán, para a que aínda non hai unha vacina aprobada.

Países en alerta

Países como a RDC (antigo Zaire), Quenia, Tanzania, Ruanda e Somalia atópanse en alerta para evitar unha posible expansión do virus. 

Descuberto en 1976 na RDC, o ébola é unha enfermidade grave, a miúdo mortal, que afecta a humanos e outros primates e se transmite por contacto directo co sangue e fluídos corporais de persoas ou animais infectados.

Causa hemorraxias graves e os seus primeiros síntomas son febre repentina e alta, debilidade intensa e dor muscular, de cabeza e de garganta, ademais de vómitos. O virus asolou varios países de África occidental de 2014 a 2016, cando morreron 11.300 persoas e houbo máis de 28.500 casos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade