O Goberno vai prohibir traballar en exteriores cando haxa alertas graves por calor
A vicepresidenta segunda e titular de Traballo, Yolanda Díaz, anticipou que se modificará o regulamento de prevención de riscos laborais para que se deteña a actividade laboral ao aire libre cando a AEMET emita alertas laranxas ou vermellas
A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, avanzou unha modificación do regulamento de prevención de riscos laborais que prohibirá, entre outras cousas, traballar en xornadas laborais ao aire libre "cando exista alerta laranxa ou alerta vermella" por calor por parte da Axencia Española de Meteoroloxía (Aemet).
Cuestionada polo Consello de Ministros extraordinario que terá lugar mañá para abordar medidas contra a seca, a titular de Traballo avanzou que haberá cambios normativos e adaptación do decreto de prevención de riscos laborais ante ondas de calor.
Desde o seu equipo explicaron que de momento non está claro se este cambio terá luz verde mañá ou en días posteriores.
A vicepresidenta remarcou que hai que incorporar medidas de obrigado cumprimento nas normas laborais para adaptalas á meteoroloxía por altas temperaturas e o cambio climático.
E é que apuntou que xa se viron episodios graves de altas temperaturas que afectaron, por exemplo, a traballadores de limpeza e hai que prohibir o desempeño destas actividades.
"Imos emprender unhas modificacións lexislativas para xustamente incorporar na lexislación laboral medidas específicas de cumprimento obrigatorio das empresas, imos adaptar as condicións meteorolóxicas aos postos de traballo", insistiu Díaz en declaracións aos medios.
"O cambio climático chegou aos municipios, chegou á vida da xente, é real. Non soamente non é verdade o que di a dereita en España, o que dicía Rajoy cos seus curmáns. A modificación que facemos ten que ver xustamente con traducir o cambio climático nas normas laborais", engadiu.
As actividades laborais que se verán interrompidas polas temperaturas extremas serán fundamentalmente tarefas como limpeza ou recollidas de residuos, ademais de que tamén se establecerá a obrigación de reducir a xornada laboral e cambiar horarios cando se dean estes avisos por parte da Aemet.