O Goberno prepara medidas para conter a inflación dos alimentos
A cesta da compra subiu un 15 % no último ano e a previsión é que siga subindo
A inflación de alimentos básicos castiga as familias máis vulnerables
A inflación moderouse nos últimos meses, pero os prezos da alimentación seguen disparados. O azucre encareceu un 42 %, os ovos e as hortalizas máis dun 25 %, os cereais un 22 %, e a previsión é que a escalada continúe.
"Subiu todo, antes con 40 euros compraba todo, agora con 50 non compro nada".
"Nótase máis nas cousas máis básicas, como ovos ou pan, en cousas indispensables", din varias compradoras pola rúa.
Nótase en alimentos básicos, pero tamén no resto da cesta, tanto nas grandes superficies como en pequenas tendas como a de Helena. Os seus provedores soben prezos e ela ten que repercutilos aos clientes para que o negocio sobreviva.
"Beneficio para nós ningún, ao contrario, contémonos e aguantamos para non subirlle á xente tantas veces, o pan xa o subimos dúas veces este ano", explica Helena desde a súa tenda O Camiño, en Santiago.
Limitar o prezo dalgúns alimentos, baixar o IVE, axudar as familias máis vulnerables ou actuar sobre os beneficios da gran distribución, son algunhas das opcións que se foron propoñendo para conter esta inflación. Aínda se descoñece cal será a estratexia elixida, pero o Goberno si confirmou que vai tomar medidas.
"A comida hai que transportala e cobrala, esta xente dos supermercados non vai vender a perdas".
"Que lle baixen o IVE porque non vexo sentido que cho quiten por un lado para despois darcho por outro".
"Hai xente que pode mercar igual aínda que os prezos suban, que axuden primeiro aos que non poden", opinan algúns consumidores á saída dun hipermercado.
As solucións para abaratar a cesta da compra formarán parte do terceiro paquete de medidas anticrise que vai aprobar o Goberno antes de que remate o ano.