Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno insiste en fixar un prezo máximo ás centrais de gas que producen luz

O Goberno insiste en fixar un prezo máximo ás centrais de gas que producen luz

De momento non hai un prezo decidido para ese máximo de referencia

EFE 28/03/2022 21:07

O Goberno traballa en fixar o prezo ao que se limitará o gas utilizado para producir electricidade a fin de rebaixar o importe da luz no mercado grosista, despois de que o Consello Europeo autorizase a España e Portugal a aplicaren medidas excepcionais.

Fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica confirmaron a EFE que se traballa nun sistema de dobre casación de prezos na electricidade, un para a interconexión con Francia e outro para o mercado ibérico.

De momento aínda non hai un prezo decidido para ese máximo de referencia para as centrais de xeración eléctrica por gas.

En España, o prezo grosista da electricidade marca o termo de consumo da factura con tarifa regulada ou PVPC, que é a que teñen, entre outros, os beneficiarios do bono social (un desconto no recibo para consumidores vulnerables que sufragan as eléctricas).

No caso da dobre casación, dunha delas sairía o prezo para a interconexión con Francia e da outra o prezo para o mercado ibérico.

O obxectivo é que o menor prezo para o mercado ibérico non supoña unha gran demanda desde Francia de electricidade producida na península e que esas medidas excepcionais non alteren o mercado fóra de España e Portugal.

Está previsto que España e Portugal presenten esta semana á Comisión Europea os detalles da súa proposta.

Os diarios El País e El Periódico apuntan que a idea é limitar o prezo do gas en preto de 50 euros por megawatt/hora (€/MWh) nas centrais de ciclo combinado, co que, segundo El País, a factura media situaríase nuns 140 €/MWh.

A ministra de Dereitos Sociais Ione Belarra explicou este luns que a súa formación, socia no goberno de coalición, quere limitar o gas a 30 euros, pois permitiría un recibo medio da luz duns 110 euros.

A expensas do mercado marxinalista

O mecanismo de prezos do mercado grosista, que é marxinalista, supón que a última tecnoloxía que entra en cada unha das horas para as que se marcan os prezos ao casar a oferta e demanda —a máis cara— marca o importe para todas as demais.

Os ciclos combinados de gas son a fonte de xeración cun prezo máis alto e máis agora cuns prezos do gas disparados.

Segundo a ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribeira, o desacoplamento temporal do gas do sistema de fixación de prezos eléctrico en España e Portugal será financiado polo mercado, é dicir, sen que xere déficit ao sistema eléctrico ou se subvencione a parte dos custos que as centrais de ciclo combinado non recuperen co prezo que consigan no mercado.

Para iso ratearase entre o resto de tecnoloxías o que necesiten cobrar esas centrais, de modo que só o gas será retribuído a prezo de gas e o resto de tecnoloxías seguirán funcionando con arranxo ao mecanismo actual, polo que as fontes máis baratas son as primeiras que casan prezo e o resto vai entrando a prezos superiores ata cubrir a demanda de electricidade para cada hora do día seguinte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade