O Goberno defende a Lei do só si é si, mentres que o PP pide a súa reforma urxente
O Goberno defende a Lei do só si é si, mentres que o PP pide a súa reforma urxente
A aplicación da nova norma está rebaixando a pena dalgúns delincuentes sexuais
Pedro Sánchez pide agardar ao pronunciamento do Tribunal Supremo
A titular de Igualdade volveu reivindicar a solidez da chamada Lei do só si é si durante o acto institucional organizado polo seu ministerio este 25 de novembro. Irene Montero quixo darlle as grazas "a todas esas nais da chamada lei do so si é si que estes días de desinformación e alarma social, que fai sentir inseguras ás mulleres e especialmente ás vítimas, alzastes a voz para recordar a solidez desta lei integral".
O Goberno pecha filas neste asunto. Varias ministras e dirixentes socialistas arrouparon no acto a ministra Montero, solidarizándose con ela polos ataques recibidos.
Tamén o presidente do Goberno amosou esta xornada o seu aval á lei asinada por Igualdade, a pesar de que a súa aplicación provocou a rebaixa de penas dalgúns delincuentes sexuais. Para Pedro Sánchez, "é unha lei pensada para protexer as mulleres, é unha lei que, de feito, vai protexer as mulleres, é unha lei pioneira, á vangarda".
O xefe do Executivo pediu agardar ao pronunciamento do Tribunal Supremo "para que se unifique toda esa doutrina e garantamos entre todos a seguridade das mulleres".
Pero dende o PP piden que se reforme a lei urxentemente, sen agardar máis. O presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, tendeulles a man "para rectificar, para modificar e para volver a impoñer as penas que salvagardaban máis os dereitos das mulleres que a actual Lei do so si é si".