Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aproba o límite do prezo do gas para que diminúa a factura da luz

O Goberno aproba o límite do prezo do gas para que diminúa a factura da luz

O mecanismo que se negociou con Bruxelas establece que durante os próximos doce meses o gas custará unha media de 48,8 euros/megawatt hora

Permitirá rebaixar a factura da luz preto dun 30 % para os consumidores acollidos a tarifas indexadas ao mercado grosista

G24.gal 13/05/2022 11:39

O Consello de Ministros deu luz verde este venres á limitación ao prezo do gas que se emprega para xeración eléctrica, un mecanismo que permitirá rebaixar a factura da luz preto dun 30 % para os consumidores acollidos a tarifas indexadas ao mercado grosista

"Por primeira vez non pagan os mesmos. Por primeira vez as medidas que se adoptan (...) teñen como finalidade fundamental reducir os beneficios extraordinarios das eléctricas" e que "haxa beneficios netos para todos os consumidores", defendeu a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, ao anunciar a aprobación.

O mecanismo que se negociou con Bruxelas establece que durante os próximos doce meses o gas custará unha media de 48,8 euros/megawatt hora, case a metade do prezo que marca hoxe esta materia prima, e beneficiará tanto a consumidores domésticos e industriais afectados pola escalada da electricidade no mercado almacenista. Os seis primeiros o gas custará, de tope, 40 euros; despois irá subindo ata rozar os 50 euros de media en todo ano.

Calcula o Goberno que a factura baixará case un 40%. O efecto será inmediato no 37% dos consumidores domésticos, nos 11 millóns de fogares que teñen tarifa regulada. Os do mercado libre, di a ministra, tamén se beneficiarán cando renoven ou cambien de contrato.

O custo asumirano as compañías. "Por primeira vez non pagan os mesmos", dixo a miinistra para a Transición Ecolóxica. Segundo Teresa Ribera, "as medidas que se adoptan teñen, como finalidade fundamental, reducir os beneficios extraordinarios das empresas enerxéticas para facilitar que o axuste nos beneficie a todos".

Pola súa parte a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, considera que "xa era hora de que no noso país houbera un goberno que se atrevese a atar en curto a estas grandes empresas". A líder de Podemos advírtelles, ademais, de que estarán vixilantes para que non se traslade ese custe aos consumidores.

A ministra Teresa Ribera tamén lles reprochou ás grandes eléctricas a súa falta de cooperación. Especialmente crítica foi co presidente de Iberdrola. Di que lle causou un "profundo bochorno" escoitar a Ignacio Sánchez Galán chamarlles parvos aos do mercado regulado.

 "Non creo que sexa unha práctica moi intelixente para ningún empresario chamar parvos aos seus clientes", apuntou Teresa.

A medida, aprobada de forma simultánea polos Executivos español e portugués, recibe o visto e prace máis dun mes despois de que o Consello Europeo recoñecese a dificultade dos dous países para facer fronte aos elevados prezos da enerxía debido ao seu baixo nivel de interconexión eléctrica co resto da rexión.

O decreto tamén terá que pasar, eventualmente, polo Congreso, para a súa convalidación. O líder do PP asegura estudar o texto e "no caso de estar de acordo, apoiarémolo".

Pola súa parte, a asociación de consumidores Facua cre que esta medida vai volver situar a tarifa regulada moi por debaixo das ofertas do mercado libre.

Doutra banda, Bruxelas estuda limitar o prezo do gas en toda Europa no caso de que haxa problemas de subministración e como consecuencia os prezos se disparen. A medida forma parte dun paquete máis amplo que prepara a Comisión ante a posibilidade de que Rusia peche todos os gasodutos que subministran a Europa. Nese caso, Bruxelas prevé racionamentos dos combustibles e mecanismos de solidariedade entre os distintos países.

Comezará a funcionar en xuño

A medida afectará preto do 37 % dos consumidores domésticos, que son máis de 10 millóns do mercado regulado, e tamén ao 37 % dos industriais. Comenzará a aplicarse a partir do mes de xuño, cando reciba a aprobación definitiva da Comisión Europea e o sector eléctrico adapte a nova normativa.

O Executivo xa habilitou un prazo de doce días hábiles desde a publicación da medida no BOE, prevista para este sábado, para que o sector leve a cabo as actuacións necesarias, polo que en ningún caso comezará a funcionar antes do 1 de xuño.

As eléctricas terán cinco días para informar sobre os contratos asinados, tanto fixos como variables. Ao finalizar ese prazo, o Operador do Mercado Ibérico da Electricidade e a Rede Eléctrica de España terán outros sete días para adaptar os seus sistemas á nova lexislación.

Pese a que inicialmente só se verán beneficiados os clientes do mercado regulado, durante o ano de vixencia da medida, os consumidores domésticos e industriais que están actualmente no mercado libre, tamén notarán os seus efectos. Neste caso á hora de revisar os seus contratos o prezo grosista que se tome de referencia será máis baixo que o actual.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade