Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno agarda presentar o informe sobre a gran apagada antes de tres meses

O Goberno agarda presentar o informe sobre a gran apagada antes de tres meses

A ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, compareceu este mércores no Senado

O Senado aproba crear unha comisión de investigación sobre o apagamento do 28 de abril
 

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen (EFE/Juan Carlos Hidalgo)
G24.gal 21/05/2025 14:52

A ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, asegurou este mércores no Senado que, xusto antes do apagamento, o sistema estaba funcionando de acordo ás recomendacións europeas, que a demanda era baixa e que a enerxía procedente das renovables era menor que outros días.

A tamén vicepresidenta terceira apuntou que media hora antes do colapso houbo unha oscilación da tensión en Europa e que o Goberno tamén investiga fallos en días previos, reportados polas compañías.

Sara Aagesen agarda presentar antes de tres meses o informe coas causas da apagada, "porque son eventos complexos que requiren tempo e análise dende o rigor, non porque queiramos ocultar ningunha información".

Non convence o PP, que pide a súa dimisión. Segundo a súa senadora Paloma Martín, os membros do executivo "están blindándose a si mesmos" e cre que "o goberno minte para ocultar a súa responsabilidade".

As críticas tamén chegaron de Junts. Os de Puigdemont cren que ao Goberno lle faltou "contundencia na resposta e máis autocrítica". 

Para os socios como EH Bildu, é o momento de nacionalizar o sistema "para reverter o que se privatizou no seu día". Pola súa banda, ERC pide un imposto especial sobre beneficios extraordinarios das compañías eléctricas.

A senadora do BNG afeoulle á ministra a tardanza en recuperar a subministración en Galicia. Segundo Carme da Silva, "foron zonas de Galicia que están pegadas a grandes centrais hidroeléctricas as que tardaron máis dun día en recuperar a enerxía eléctrica".

Sara Aagesen dixo que se investigará porque Galicia, sendo un dos territorios onde máis rápido se empezou a restablecer a subministración, tamén foi onde máis se tardou en completar e chegar a toda a poboación.

Aprobada unha comisión de investigación

O pleno do Senado aprobou este mércores a creación dunha comisión de investigación para analizar a causa do apagamento eléctrico ibérico na península o 28 de abril e avaliar as actuacións realizadas polo Goberno e as empresas eléctricas, tanto de forma previa como ese día.

Á proposta do PP, que ten maioría absoluta no Senado, sumouse Vox, e obtivo 151 votos a favor, fronte a 96 rexeitamentos, na súa maioría de senadores do PSOE, e 13 abstencións, entre as que estiveron PNV, Junts e ERC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade