Publicador de contidos

Publicador de contidos

O corpo da moza de Viveiro falecida na Habana chegará esta semana a España

G24.gal 08/05/2022 08:31 Última actualización 08/05/2022 18:13

O corpo de Cristina López-Cerón Ugarte, a turista galega falecida na explosión rexistrada o venres pasado nun hotel de luxo da Habana, chegará a España a finais desta semana, segundo aseguraron fontes do Ministerio de Asuntos Exteriores.

O embaixador, Ángel Martín Peccis, e o cónsul español na Habana, José Antonio Hernández, que desde o primeiro momento se fixeron cargo das xestións, están a tentar acelerar todos os trámites para poder trasladar o corpo da vítima, de 29 anos e natural de Viveiro.

A súa parella sentimental, César Román, co que convivía nas Pontes (A Coruña), de onde é oriúndo, continúa ingresado nun hospital da capital cubana, onde chegou en estado moi grave, polo que tivo que ser intervido cirurxicamente de inmediato.

Sobre o seu estado de saúde, fontes do equipo médico que o atenden aseguran que é cedo para saber como vai evolucionar o mozo, de 30 anos.

De vacacións

Ambos os dous galegos, que estaban de vacacións na cidade, atopábanse xusto no exterior do hotel Saratoga cando se produciu a forte explosión, no momento en que un camión cisterna fornecía gas licuado ao establecemento.

Como consecuencia da detonación, polo menos 30 persoas faleceron e outras 84 quedaron feridas de diversa consideración, aínda que estas cifras poderían aumentar porque hai varias desaparecidas.

Choiva de entullos

A explosión fixo que colapsara unha sección da construción de sete andares e que se desprendera a fachada dos tres primeiros pisos, o que provocou unha choiva de cascotes sobre a beirarrúa e unha gran columna de fume, que foi visible en gran parte da capital.

A hipótese máis probable para explicar esta traxedia, segundo as autoridades locais, é que o estalido se debese a unha fisura na mangueira do camión cisterna.

O hotel Saratoga, de cinco estrelas, está considerado un dos máis luxosos da Habana. O edificio, de estilo neoclásico, foi construído en 1880 e funcionaba desde 1911. Tras ser sometido a unha reforma integral, reabriu no 2005.

Pesar en Viveiro

Consternación no concello de Viveiro dende que se confirmou o falecemento de Cristina López-Cerón Ugarte. Nada no 1993 e graduada en Economía pola USC, traballaba en Ortigueira nunha sucursal bancaria.

Segundo declaracións da nai de Cristina que recolle a prensa, a parella apenas levaba un día en Cuba, polo que o paseo no que os sorprendeu a explosión era, practicamente, o primeiro que daban pola Habana Vella, zona na que tamén está o hotel no que se aloxaban.

Os xornais tamén recollen as declaracións de familiares, amigos e compañeiros de traballo nas que destacan a bondade, a empatía, a entrega e a xenerosidade da rapaza.

Todos eles están á espera das novas sobre a repatriación do seu corpo, un proceso que o Goberno tenta acelerar o máximo posible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade