O galego Álvaro Carreras, obxecto de desexo de Xabi Alonso para o Real Madrid
O xogador ferrolán é a prioridade para reforzar o lateral esquerdo despois da súa gran temporada no Benfica
Álvaro Fernández Carreras (Ferrol, 2003) pode ser un dos grandes nomes deste mercado de fichaxes. O lateral esquerdo do Benfica está a completar unha magnífica temporada e os grandes do fútbol europeo pelexan por contar cos seus servizos. O xogador ten unha cláusula de 50 millóns de euros e o Manchester United unha opción preferencial duns 20 millóns de euros xa que chegou ao Benfica procedente do conxunto inglés.
Nacido en Ferrol, xogou no Galicia de Caranza e no Rácing antes de chegar ao Deportivo aínda en idade benxamín. No 2017 marchou vivir a Madrid para xogar no cadete do Real Madrid e en 2020 deu outro paso na súa carreira asinando co Manchester United. O equipo inglés buscou a fórmula das cesións para que o lateral progresase. Primeiro no Preston e logo no Granada. Pero o gran movemento chegou en xaneiro de 2024 cando o Benfica se fixou nel. Desde entón é indiscutible nesa posición de lateral esquerdo e o seu nivel na Champions impresionou a todos.
Xabi Alonso teno como obxectivo prioritario na súa axenda e o Real Madrid botará o resto para facerse co xogador. Quere negociar a cláusula, pero o Benfica ten onde escoller. Noivas non lle faltan ao bo de Álvaro Carreras.