O furacán Ian diríxese cara a Xeorxia e as Carolinas tras devastar Florida
O presidente Biden aprobou a declaración de zona catastrófica
O furacán Ian segue avanzando pola costa leste dos Estados Unidos e podería reforzarse de novo antes de tocar terra. O ciclón deixou un vieiro de destrución ao seu paso pola Florida, onde milleiros de persoas continúan atrapadas. Os servizos de rescate traballan sen descanso. Case tres millóns de fogares seguen sen electricidade e moitos perdérono todo. Hai máis de 10.000 persoas en refuxios.
O presidente Biden aprobou a declaración de zona catastrófica e ten previsto visitar A Florida nas próximas horas. Advirte de que este pode ser o furacán máis letal na historia deste Estado. Varios medios como a CNN falan de polo menos 15 falecidos, pero con cifras provisionais, xa que aínda non se tivo acceso a moitos centros sanitarios, tamén inundados. Moitas estradas están intransitables e derrubouse unha ponte que conectaba varias illas.
Segundo os meteorólogos, Ian é o quinto furacán máis poderoso polo seu impacto na historia da Florida. E tras devastar a zona, agora ameaza os estados de Xeorxia e as dúas Carolinas.