O Frigoríficos necesita gañar para meterlle presión ao Sinfín
Os de Moyano completaron unha volta da liga Asobal sen celebrar un triunfo

Tras completar unha volta da liga Asobal sen celebrar un triunfo, ao Frigoríficos do Morrazo úrxelle gañar este venres ao Fraikin Granollers, terceiro clasificado, para meterlle presión ao Blendio Sinfín, o seu principal rival na pelexa por eludir o descenso.
O equipo de Nacho Moyano segue mantendo unha escasa renda de dous puntos sobre o Sinfín, ao que visitará na seguinte xornada. Ese duelo marcará, sen dúbida, o futuro de ambos na elite do balonmán español, e o Frigoríficos quere chegar con algo de aire ao choque de Santander.
Para iso, necesitará gañar mañá a un Granollers que se mantén invicto neste 2024. Pero nin o bo momento do cadro dirixido por Antonio Rama serve de escusa para un Frigoríficos ao que se lle vai a vida no choque para evitar chegar a tiro de vitoria á “final” contra o Sinfín, que na primeira volta gañou no Gatañal.
O desafío é maiúsculo para o conxunto cangués, que non celebra unha vitoria desde principios de outubro do pasado ano. As súas opcións de vitoria pasarán por brillar en defensa para conter o potencial da primeira liña vallesana e, sobre todo, reducir o número de perdas dos últimos partidos.
Para este encontro, que comezará ás 20:30 horas e será dirixido pola parella arbitral formada por Zaragueta Ruiz e Oyarzun Aylagas, Nacho Moyano aínda non poderá contar o porteiro internacional caboverdiano Elcio Carvalho, que segue recuperándose da rotura fibrilar sufrida no cuádriceps esquerdo a mediados de febreiro