O Fortaleza brasileiro quere reforzar a portería co deportivista Helton
O Deportivo remítese á cláusula de rescisión pero a oferta é dun club que está a xogar a Copa Libertadores

A portería parecía un dos postos mellor cubertos polo Deportivo. As prestacións de Helton Leite na pasada temporada resultaron moi satisfactorias. Foi considerado unha das mellores fichaxes do mercado de verán de 2024 e o cadro deportivista tiña a porta cuberta con el, Parreño e Éric Puerto.
Porén, o Fortaleza brasileiro precisa dun gardarredes e ten como un dos obxectivos a Helton. Trátase dun equipo que está a xogar a Copa Libertadores -disputa dos oitavos de final diante do Vélez Sarsfield arxentino no mes de agosto- e conta cun podería económico e deportivo difíciles de rexeitar para un xogador brasileiro que fará os 35 anos o vindeiro mes de novembro.
No cadro coruñés remítense á cláusula de rescisión -de arredor do millón de euros- e saben que Helton está moi ledo na cidade. Pero diante dun ofrecemento desa magnitude comezaron a tentear o mercado. Helton non xoga no Brasil desde 2018 cando inicio a aventura europea no Boavista portugués. Pasou por Turquía e desde 2024 está a xogar en España.