O exército israelí mata máis de medio centenar de gazatís noutra noite de ataques
As tropas de Benjamin Netanyahu tamén atacaron unha escola en Cidade de Gaza que servía de refuxio para os palestinos

Polo menos 53 palestinos, entre eles mulleres e nenos, morreron desde a medianoite deste martes en novos ataques do exército contra o norte e o centro da devastada Franxa de Gaza, confirmaron fontes médicas a EFE. No campo de refuxiados de Jabalia, convertido xa en ruínas, polo menos nove persoas morreron tras un bombardeo israelí contra unha casa familiar, detallaron as mesmas fontes.
As tropas de Benjamin Netanyahu tamén atacaron unha escola en Cidade de Gaza que servía de refuxio para os palestinos. O bombardeo matou polo menos trece persoas. En Deir al-Balah, no centro da Franxa, rexistrouse un bombardeo contra unha gasolineira preto do campo de refuxiados de Nuseirat, que no momento do ataque albergaba civís desprazados, dos cales hai polo menos unha quincena de falecidos.
Entre as vítimas deste ataque, indicaron as fontes médicas, atópanse catro membros dunha mesma familia. Israel mantén desde hai xusto unha semana unha intensa campaña de bombardeos no marco da súa nova ofensiva terrestre alcumada Carros de Xideón coa que planea apoderarse de máis territorio do enclave palestino.
Onte, luns, o exército israelí ordenou a evacuación de Khan Yunis, no sur da Franxa, a segunda cidade máis importante do enclave, e bombardeou o almacén de subministracións do hospital Naser, un dos poucos centros que aínda funciona parcialmente. O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu advertiu onte de que tomará o control de todas as zonas da Franxa de Gaza e o seu Goberno permitirá unha entrada mínima de axuda humanitaria ao enclave para poder continuar coa ofensiva.
O total de mortos desde que Israel empezou a ofensiva bélica contra Gaza en outubro de 2023 supera os 53.475, a maioría mulleres e nenos, e hai preto de 121.400 feridos, moitos con amputacións e lesións para sempre.