O estaleiro vigués Freire construirá catro buques para as Forzas Armadas de Suecia
As unidades destinaranse a apoio naval
Poderán navegar con xeo e en condicións meteorolóxicas moi adversas
O estaleiro vigués Freire Shipyard asinou un contrato coa Administración Sueca de Material de Defensa (FMV) para a construción de catro novos buques destinados a misións de apoio naval para as forzas armadas dese país.
As unidades terán unha autonomía de 10 días
As embarcacións, con capacidade para 16 tripulantes, terán unha eslora de 47 metros, acadarán unha velocidade máxima de 12 nós, disporán dunha autonomía de ata 10 días e poderán navegar en condicións meteorolóxicas extremas. Cada unidade contará con dous guindastres na cuberta principal e outro auxiliar para provisións, o que facilitará realizar operacións de carga e descarga de forma autónoma. Tamén terán rampla pregable para o acceso de vehículos por popa.
Cumprirán con estándares ambientais
Os buques contarán cun sistema de propulsión diésel-eléctrica, formado por catro xeradores de velocidade variable conectados a dous buses de corrente continua, que, segundo Freire, "optimiza o consumo de combustible e reduce as emisións, cumprindo cos estándares ambientais máis esixentes". Terán ademáis dúas hélices propulsoras de paso fixo e outra de manobra, todas elas accionadas con motores eléctricos.
Directores de Freire Shipyard con representantes da administración e das forzas armadas de Suecia. Imaxe cedida por Freire.