O envío de tanques e cazas a Ucraína ten máis valor simbólico que real
O analista Rodrigo Rodríguez Costa cre que Ucraína busca sobre todo escenificar o apoio masivo de Occidente
O temor a unha nova ofensiva rusa sobre toda Ucraína marca, a xuízo de Rodrigo Rodríguez Costa, experto en Seguridade e Defensa, a decisión de Occidente de enviar os carros de combate que lle pedía Kíiv.
"A conclusión que podemos sacar de aí é que hai unha información da intelixencia, compartida por todos, que os leva de forma unísona a enviar novo material militar", asegura o analista.
Tras lograr o compromiso dos Estados Unidos e de varios países europeos, incluído España, de mandarlle os tanques, Volodímir Zelenski presiona para que tamén lle dean cazas. Costa subliña que a importancia destas doazóns é, sobre todo, simbólica.
"Escenificar politicamente o apoio masivo de Occidente para transmitirlle ao réxime de Putin que pare a guerra cando queira".
O experto cre que a vía diplomática nunca se acatou en serio. Non ve a Rusia disposta a ceder nas súas pretensións e di que mesmo está sobre a mesa unha posible escalada do conflito.
"Empeza a haber estudos moi importantes en centros de investigacións occidentais nos que examinan que opcións pode ter o Kremlin para atacar e Occidente para contestar, nun proceso de escalada nos próximos meses".
A menos dun mes de que a guerra faga un ano, as batallas máis duras líbranse na rexión de Donetsk. Zelenski afirma que a situación alí é extremadamente grave. Hoxe as autoridades ucraínas deron conta de tres civís mortos e outros dous feridos nun ataque ruso nesta rexión.