O encaixe de Camariñas protagoniza varias das novas coleccións do grupo Inditex
Foron case seis meses de intensa actividade para atender a encarga do xigante téxtil
En Camariñas a arte de palillar non se detén.
Máis de medio cento de palilleiras de Camariñas e comarca traballaron nas novas coleccións de fogar e moda xuvenil do grupo Inditex.
"Moitísima palilleira de Camariñas, Xaviña, Ponte do Porto e incluso de pobos que pertencen a Vimianzo", explica Norma Carril, palilleira da Asociación Puntillas de Camariñas.
Foron case seis meses de intensa actividade para atender a encarga do xigante téxtil.
"Probando varios tipos de puntillas ata que ao final optaron por unha e aí foi cando se puxo todo o mundo a traballar, modistas e palilleiras.", engade Norma.
"O que facemos nós aquí foi o que se fixo coas toallas e logo a parte da roupa xa levaban eles os encaixes e a que non pois facíaa Norma", matiza a tamén palilleira Mari Carmen Carril.
É froito da colaboración entre o Concello de Camariñas e Inditex.
Unha cooperación iniciada en 2024 e que se retoma dinamizando a comarca.
"Agora púxose a palillar moita xente porque unha axuda cando vén é boa, pero de vivir de ¡sto non, non se pode", asegura Mari Carmen.
Con todo, a súa irmá Norma di que "moita xente o retomou e iso é moi importante que haxa tantas mulleres palillando e que haxa traballo para todas".
En xullo agardan facer as últimas entregas. Todas pezas únicas ás que o encaixe de Camariñas aporta o valor do exclusivo e feito a man.